A Andrés Barreiro.
O pasado día 21, o Partido Demócrata de Serbia (DSS) do premier Kostunica organizou unha masiva manifestación baixo o lema "Kosovo non se vende" trala que houbo graves incidentes no centro de Belgrado. Eis un vídeo captado por un manifestante, no que nun momento solta a pregunta chea de sorna "deches atopado o teu número?"
Sabemos o prezo de Kosovo: un par de tenis Puma; agora tal vez sexa o momento de ver, que a violencia destes días en Serbia mostra un trasfondo dun grave problema social no que unha “pequena” parte da culpa (alén dese mítico xen violento que se lles acredita aos balcánicos nos medios occidentais) quizais a teñan as pésimas políticas da transición democrática, o illamento e as políticas da Unión Europea (que non Europa) ao respecto, non só en Serbia, senón en toda a ex-Iugoslavia. Non polo feito en si do roubo e pillaxe -que podería pasar na Galiza mañá- senón polo feito de que moitos dos mozos que se vén nas imaxes do segundo vídeo -do ataque á embaixada- mostra unha mocidade de menos de 25 anos dos que –segundo as estatísticas- o 90% xamais viaxou ao estranxeiro (nin a outras ex-Repúblicas Yugoslavas) nin posibilidades ten, non pola economía, senón por motivos burocráticos. Son como as películas de Kusturica, dando a imaxe de Serbia que dela no estranxeiro se procura: violencia absurda e "balcánica" para os "ollos" do pánfilo big brother europeo.
Hai unha sorte de complexo de Asterix e Obelix na sociedade -e sobre todo na mocidade- serbia: non estamos romanizados -globalizados- porén somos os que máis gozan da romanización-globalización, incluso até o punto de non poder vivir sen ela, xa que non teriamos xustificación dos nos actos (alguén se imaxina aos galos sen lle zoupar aos romanos?) . Os McDonals queimados son os de maior facturación de Europa oriental, as tendas asaltadas son as de roupa de moda pola que devecen, os conatos de violencia –sen explicación- só responden ao estereotipo do que dos serbios se espera en Europa. Cando ardía Francia todos de vez explican os problemas sociais dos suburbios parisinos. Cando arde Serbia, o ultranacionalismo [sic] ten a culpa. Ninguén explica, porén, o por que, entón dese ultranacionalismo nesta sociedade.
E o triste desta historia é a culpabilidade xeracional que está a recaer sobre a mocidade como parte da sociedade “culpábel”(?) do acontecido… (se é que Serbia ten a culpa… porque aínda que a teña, nin foi tratada como perdedora ou culpábel das guerras e incluso foi absolta no Tribunal Internacional... pero iso é outra historia). Eses mozos do vídeo, cando estoupou a guerra nos Balcáns, non ían nin á escola -que comeza aquí aos 7 anos. Non son, porén, a xeración do "troco”, porque o troco mal comprendido foi mostrar ao mundo -e aos propios serbios- que no 2000 houbo mudanza da sociedade. Non hai grandes diferenzas “discursivas” entre a época de Milošević e a actual senón que hai incluso un retroceso, unha sorte de medo, á hora de denominar os elementos sociais polo seu nome, o eufemismo político feito eufemismo social. E o problema é que a situación actual vai facer aínda máis inaccesíbel calquera mudanza porque os mecanismo para mudar sonlle aínda descoñecidos a esta sociedade, que lle ten máis medo a si mesma do que lle ten a calquera outra cousa. O medo a non ser "serbio" estereotipo abondo.