A mediación do ex secretario xeral da ONU Kofi Annan propiciou unha coalición bipartita e o nomeamento dun primeiro ministro.
O goberno e a oposición de Quenia asinaron esta quinta feira un acordo que posibilita a creación dunha coalición de goberno e o nomeamento dun primeiro ministro.
"Temos un acordo", afirmou o ex secretario xeral da ONU Kofi Annan momentos despois da cerimonia de firma do pacto, que pon punto final á crise que se desatou a raíz das eleccións do pasado 27 de decembro.
"Esta tarde as dúas partes completaron o punto 3 da axenda (referente ás medidas para compartir o goberno) para resolver a crise política", agregou Annan, xefe do equipo mediador entre o goberno do presidente queniano, Mwai Kibaki, do PNU, e o opositor Movemento Democrático Laranxa (ODM).
Annan anunciou que o primeiro ministro será un membro do parlamento e que será designado polo partido maioritario ou pola coalición política que consiga a maioría, que actualmente é o ODM. "Este consenso foi necesario para a supervivencia do país", afirmou Annan ao carón do presidente Kibaki e do líder da oposición, Raila Odinga. As negociacións comezaron o pasado 31 de xaneiro.
Ademais de Kibaki, Odinga e Annan, asinaron o documento o presidente de quenda da Unión Africana e xefe do Estado de Tanzania, Jakaya Kikwete, e o ex presidente deste país Benjamín Mkapa, integrante do equipo de mediación.
Arredor de 1.500 mortos
A crise kenyana desatouse a raíz das últimas eleccións do 27 de decembro pasado, nas que Kibaki foi declarado vencedor. Porén, a oposición denunciou os resultados como fraudulentos e negouse a recoñecelo como presidente.
A onda de violencia política e con connotacións tribais que comezou en Nairobi e estendeuse por todo o país, causou a morte de 1.500 persoas e obrigou ao desprazamento de máis de 400.000, segundo datos oficiais.