O 68 cambiou o mundo; de París a Praga, e de Berkeley a México, e tamén en Galiza. Ou mellor dito, antes en Galiza. En febreiro a universidade estoupou en mobilizacións masivas, tendo en conta súa aínda reducida dimensión, con peches e folgas que marcaron a toda unha xeración e que fixeron que nos anos vindeiros xa nada fose o mesmo.
Na Compostela de 1968 a política comezaba a encher a vida dos estudantes. A JEC (Juventud Estudiante Católica) galega foi a base do PCG, e no 68 o seu carácter legal e aparentemente inofensivo estruturou a loita universitaria na cidade. Pero alén do omnipresente Partido Comunista comezaba a organizarse tamén o nacionalismo, con poucos pero destacados representantes como Luis G. Blasco Fozou Xesús Sanxuas, e outras organizacións, coma o FELIPE ou diversos grupos chinos.
En novembro celebráronse eleccións na Universidade de Santiago, con vitoria do Sindicato Democrático Libre. Moi pronto o decano de Ciencias, Ocón, comezou a obstaculizar as iniciativas dos estudantes, prohibindo iniciativas culturais e recitais e poñendo limites ás xuntas de facultade. E o 24 de decembro Méndez Ferrín e outros estudantes foron detidos e postos á disposición do TOP. Á volta do Nadal o inverno galego continuou quentándose, con folgas en Ciencias (dende o 15 de xaneiro) e no resto das facultades entre o 16 e o 18, queima de xornais no Toural e diante de El Correo Gallego (19 de xaneiro) e folgas obreiras en Vigo. Entre o 20 e o 23 de xaneiro unha ducia de estudantes foron detidos, producíronse cortes de tráfico e enfrontamentos coa policía.
En todas as universidades do Estado estaba agromando a protesta, e de feito entre o 27 de febreiro e o 2 de marzo celebrouse en Sevilla unha xuntanza de coordinación, á que asistiron tres representantes galegos: Lorenzo Porto, Pancho Álvarez e Rafael Bárez. Pero foi en Compostela onde estoupou. O 3 e o 6 de marzo celebráronse asembleas en Ciencias, que o decano Ocón tentou impedir coa axuda da policía e que remataron coa detención de Pancho Álvarez, Martín de Hijas, Álvarez Areces e Sarmiento. En resposta, todas as facultades compostelás decidiron facer folga a partir do 8 de marzo, organizándose un peche de tres días no edificio da universidade. O 13 de marzo, ás sete e media da mañá, a policía entrou no edificio rompendo un cristal.
Nos días seguintes producíronse ducias de detencións (até trinta só no desaloxo da Facultade de Medicina), así como enfrontamentos coa policía, ingresando os principais dirixentes estudantís o 28 de marzo na prisión da Coruña. A folga continuou durante todo o mes de abril, até o 2 de maio, cando o reitorado levantou as sancións. En abril Villar Palasí substituíra a Lora Tamayo como ministro de Educación. Porén, no ano seguinte regresou a represión: o novo reitor García Garrido impediulles a entrada na universidade aos sancionados, que tiveron que rematar as súas carreiras noutras cidades; así mesmo, moitas prórrogas por estudos para o servizo militar foron denegadas; e detencións, e multas...
Algo comezaba a moverse no país Os estudantes recibiron o apoio da sociedade galega, e da cidade de Compostela, cuxos veciños proporcionáronlles mantas e comida durante os peches. Obreiros, colectivos profesionais, sindicatos clandestinos, revistas no exilio como Vieiros (que publicou un artigo en apoio dos mobilizados), e unha parte da prensa da época, que comezaba unha tímida apertura por medio dalgúns xornalistas comprometidos como Francisco Pillado en La Voz de Galicia.
Polo medio quedou o 1º de maio, no que estudantes e sindicatos repartiron propaganda obreira polas rúas de Compostela. E quedou tamén o nacemento de Voces Ceibes. O 26 de abril tivo lugar o seu primeiro recital, celebrado no auditorio da Facultade de Medicina diante de tres mil persoas, no que interviron Benedicto, Xavier, Vicente Araguas e Xerardo Moscoso. Pero tamén na música o 68 nacera un pouco antes, en abril de 1967, cando Raimon encheu o Estadio da Residencia da Universidade de Santiago. Aquel día escoitouse cantar o Diguem no, ou o Al Vent en catalán, mais tamén en galego, grazas ás traducións que fixeron Carlos Casares e García-Bodaño, e que correron de man en man.
Algo comezaba a moverse en Galiza nos anos sesenta, co nacemento do Consello da Mocidade (1963), o PSG (1963), a UPG (1964), ou o PCG (1968). A Universidade de Santiago impartía outra formación alén da académica, e aquel 68 foi unha escola da que saíron nada menos que dous presidentes autonómicos: Vicente Álvarez Areces (Tinín) e Emilio Pérez Touriño (delegado no primeiro curso de económicas), deputados como Francisco Cerviño, e ducias de profesores universitarios. O ceo de Compostela era cincento, como a realidade, pero nos anos sesenta o sol comezou a vencer á noite. Deste xeito Compostela foi pasando de ser unha cidade politicamente tranquila, como aparecia definida nos informes policiais, a liderar as mobilizacións estudantís e políticas. Palestras, debates, asociación culturais (coma O Galo, fundada en 1961), o papel dos cineclubes, e a formación e a organización política ían mobilizando o estudantando, que comezaba a poñer en práctica a teoría aprendida, en conflitos sociais como o de Castrelo do Miño (1966).
Entre 1965 e 1968 a conflitividade acadou máximos históricos en moitos sectores de obreiros e intelectuais. A crecente protesta contra a guerra do Vietnam tamén serviu para mobilizar á mocidade universitaria. En novembro de 1968, despois do asasinato do Che Guevara en Bolivia, a JEC tentou organizar unha misa de homenaxe na Capela da Universidade, que foi prohibida, e un recital poético, que foi rebentado por exiliados cubanos. Algo comezaba a moverse.
Venceremos Nós "Cómpre lembrar que despois do 68 os paxaros seguiron cantando", salientou Ricardo Gurriarán o xoves na inauguración da mostra. Gurriarán dedicou boa parte dos dous últimos anos a recoller información e materiais para a Fundación 10 de Marzo, en case duascentas entrevistas. Boa parte deses entrevistados e fontes (a xeración do 68) estaban no acto, que deixou pequeno o Claustro de Fonseca. No exterior, un grupo de estudantes concentráronse en silencio para protestar contra os procesos abertos contra os mozos implicados nos incidentes producidos na Facultade de Económicas. No interior, o acto pechouse cun espontáneo Venceremos Nós, cantado a coro por todos os asistentes.
Á saída dun dos peches que tivo lugar en marzo de 1968 un estudante clamara: "a universidade morreu, cantemos por derradeira vez o Gaudeamus Igitur". O Gaudemus mantense, pero despois do 68 nada volveu ser o mesmo, e o We Shall Overcome (traducido ao galego por Franco Grande) impúxose.
Fausto Dopico, profesor da Facultade de Económicas da USC: "Foi un cambio persoal, sobre todo: comezamos a combatir o medo".
Benedicto, cantautor: "Derrotar o franquismo era a nosa meta, porque era o que nos impedía realizar todo tipo de actividade; non se conseguiu, pero todo aquilo quedou".