Verdegaia demanda que Galicia sexa declarada pola Xunta e polo Parlamento como zona libre de transxénicos, seguindo o exemplo de Asturias e do País Basco e de máis de 170 rexións e países de toda Europa. Con este xesto, as institucións galegas amosarían inequivocamente o seu rexeitamento á introdución de transxénicos na agricultura e na alimentación, que está a acontecer sen suficientes garantías ambientais e sanitarias. Verdegaia tamén solicita aos Concellos que declaren os seus territorios zonas libres de transxénicos, como xa fixeron milleiros de municipios no resto de Europa. |
Verdegaia agarda que a Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, tome canto antes a iniciativa de declarar a Galicia como zona libre de transxénicos, e que reciba o apoio unánime para iso do Parlamento. O borrador do Plano de desenvolvemento da agricultura ecolóxica galega (2007-2010), presentado publicamente pola Consellería do Medio Rural, inclúe entre as súas medidas a declaración de Galicia como zona libre de transxénicos e a súa incorporación á Rede Europea de Zonas Libres de Transxénicos. Segundo o devandito borrador, "se ben non se trata dunha medida de protección contra a contaminación das parcelas de produción ecolóxica como tal, esta medida é unha ferramenta de promoción da intencionalidade política de protección da produción ecolóxica".
Os cultivos transxénicos son unha realidade en España desde 1998, sendo hoxe o principal estado produtor da Unión Europea (UE). Segundo datos difundidos por EuropaBio, a asociación das empresas europeas de biotecnoloxías, no ano 2007 sementáronse en España 75.148 hectáreas con cultivos transxénicos, en concreto de millo MON 810. No ano pasado, só se cultivaron transxénicos en oito estados da UE, situándose en España cerca do 70% de toda a superificie cultivada. Recentemente, o Goberno de Francia estableceu unha moratoria sobre o millo transxénico MON 810 perante novas evidencias científicas sobre os seus riscos.
Aínda que en Galicia non parece haber polo de agora unha superficie importante de cultivos comerciais de millo transxénico, Verdegaia coida que é importante que as institucións galegas expresen o seu rexeitamento aos transxénicos en xeral, particularmente aqueles concellos onde foron autorizados en 2007 polo Goberno central cultivos de ensaio de variedades de millo transxénico NK603 x MON810, tolerantes ao herbicida glifosato e resistentes a pragas causadas por bolboretas. Trátase dos municipios de Lalín, Val do Dubra, Touro e Castro de Rei. Verdegaia solicitou aos alcaldes destes Concellos que promovan a declaración dos seus concellos como zonas libres de transxénicos. O mesmo fixo cos da comarca de Compostela e estenderá proximamente a súa solicitude a outros municipios do resto do país.
Existen aínda demasiadas dúbidas sobre o efecto da diseminación de transxénicos sobre o ambiente e a saúde humana, como para garantir unha liberación de transxénicos segura. A normativa europea e os controis exercidos polo Estado español resultan insuficientes para asegurar unha liberación sen riscos significativos, a xuízo de moitas organizacións e especialistas.
Entre os riscos dos Organismos Modificados Xeneticamente (OMX) sobre a saúde dous son especialmente relevantes no debate científico e están no centro da polémica: a aparición de novas alerxias e a creación de novas resistencias a antibióticos. Por outro lado, non se sabe moito sobre os efectos indirectos ou sobre os efectos a longo prazo da liberación de OMX sobre a agricultura e o medio ambiente, se ben os poucos datos coñecidos non son moi alentadores. Trátase ademais dunha tecnoloxía practicamente imposible de controlar. Non menos importante é o feito de que os OMX tornan aos labregos e labregas máis dependentes das multinacionais agroalimentarias. Os OMX non representan un contributo nin para unha agricultura sustentable nin para unha alimentación saúdable e a súa introdución é o resultado da presión das poderosas empresas agroalimentarias que os comercializan.