A Unión Démocratique Bretonne pensa que é a chave para loitar contra a extinción de linguas como as súas: o bretón e o galó.
As dúas linguas da Bretaña, galó e bretón
A Union Démocratique Bretonne (UDB) chama á mobilización para conseguir as competencias sobre a ensinanza bilingüe francés-bretón e francés-galó nos colexios de Bretaña, ante os novos programas escolares que quere lanzar o goberno francés.
Contra o novo proxecto educativo francés
Cos novos proxectos educativos, o goberno francés acordou situar as materias de lingua francesa e matemáticas como prioritarias nos colexios, e, paralelamente, está a desenvolver un programa de ensino das linguas estranxeiras, que será xeneralizada dende o primeiro ano de primaria. Para a Union Démocratique Bretonne, "estes dous anuncios que poden parecer paradoxais, quedan totalmente mudos no que se refire ao ensino nas linguas rexionais" e segundo eles, "o silencio é unha confesión das intencións do goberno francés" con estas linguas.
A xestión do ensino bilingüe é a chave para que non desaparezan as linguas rexionais
En setembro de 2007 apareceron os primeiros programas de ensino bilingüe do goberno francés. Naquela altura a UGB (Unión de Profesores en Bretón) cualificounos de "máis do que perigosos pola súa imprecisión e o seu descoñecemento das realidades desta ensinanza en Primaria".
Por todo isto, a Union Démocratique Bretonne chama á mobilización para reclamar a transferencia da competencia no ensino das súas linguas, ademais da ensinanza bilingüe, dun xeito parecido ao que acontece no "País de Gales ou en Galiza, como en moitas rexións de Europa, e que foi a chave para que as linguas específicas destes territorios puidesen ser salvadas da extinción".