Sería o sucesor, como xefe do Estado, de Fidel Castro, tras 49 anos de mandato revolucionario do seu irmán.
Raúl Castro xa leva 19 meses dirixindo o país, dende que o seu irmán caeu enfermo e foi operado en xullo de 2006 (dende entón non apareceu en público).
A primeira hora da mañá a Asemblea Nacional de Cuba, composta por 614 membros, vaise xuntar, e á volta do mediodía han anunciar a nova composición do Consello de Estado, o principal corpo executivo de Cuba, cuxo líder podería ser Raúl, mais hai outros candidatos, como Carlos Lage, Ricardo Alarcón, Felipe Pérez Roque, Ramiro Valdes ou Esteban Lazo, que tamén podrían suceder ao aínda Comandante en Xefe.
Porén, Fidel vai manter unha influencia significativa no goberno que o suceda, como primeiro secretario do Partido Comunista.
O anuncio da retirada de Fidel Castro produciuse a pasada terza feira, case medio século despois de ter botado ao ditador Batista (colocado e apoiado polos EUA), nunha revolución que se ten convertido na icona da súa actuación política. A pesares de estar doente e xa non poder continuar gobernando, Fidel Castro aínda pode continuar coa "guerra das ideas", escribindo artigos que se publican na prensa cubana.
Arelas de cambios pola banda dos EUA
Os exiliados anticastristas e o presidente dos EUA, George W. Bush xa pediron, dende que se anunciou a retirada de Fidel Castro, a reforma democrática da illa. Mais nas rúas da Habana predomina a indiferenza e a xente aínda agarda o que poida vir.
Porén, Raúl Castro é considerado pola comunidade internacional como un home máis preocupado por levar comida ás mesas dos cubanos que por encabezar unha guerra ideolóxica contra os EUA. Durante o tempo que leva Fidel doente, Raúl fomentou o debate sobre a economía da illa, o que aumentou entre certos sectores as expectativas de reforma.
O ano pasado Raúl Castro mesmo lles tendeu a man aos EUA asegurando que estaba aberto a manter conversas co novo mandatario, sempre despois de que Bush abandone o seu cargo. Aínda que, naquela altura, a oferta non ía dirixida a eles, os representantes da administración Bush rexeitárona, asegurando que o que acontece en Cuba é unha transferencia de poder dun ditador a outro.
Para saber máis:
Pódese consultar o xornal cubano Granma, para coñecer a última hora e ler os últimos artigos de Fidel Castro.
Para saber das reaccións en norteamérica (os EUA teñen a ollada posta en Cuba), velaí o New York Times.