"Empezou a campaña pero parece que empezaron as rebaixas", dixo o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, reprochando o "reducido" anuncio de investimentos en Galiza realizado polo goberno español.
Quintana censurou que director xeral do Imserso, Ángel Rodríguez, informase de que Galiza recibirá só o 5% do total de investimentos en materia de atención á dependencia. "E quedou tan ancho", criticou Quintana, recordando que en Galiza viven o 7,5% de todos os dependentes do Estado. "Empezou a campaña pero parece que empezaron as rebaixas", reprobou.
Segundo a avaliación do líder do BNG, Galiza precisa de cando menos uns 80 millóns de euros neste ámbito, xustamente o dobre dos 40 millóns que concederá o executivo español e que Anxo Quintana considera "insuficientes" diante das demandas do país.
Durante a súa intervención nun acto electoral en Monforte, Quintana insistiu en que fronte a esa situación é necesario "un BNG forte en Madrid". "Tras as eleccións vanse lograr os máis de 80 millóns como se xa conseguiu o pagamento da débeda histórica", repasou, argumentando que a maior dispersión poboacional en Galiza aumenta os custos da prestación de servizos.
Na opinión do líder do Bloque, a súa formación política xa demostrou na última lexislatura no Congreso que "o BNG foi decisivo", en referencia á negociación cos socialistas para evitar a petición de reprobación da ministra de Fomento, Magdalena Álvarez. "Chamoume Zapatero e díxome que nos necesitaba para pararlle os pés ao PP, porque o Bloque é especialista en frealos", afirmou.