Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Xerais08

Comeza a campaña: todos miran cara a Ourense

O BNG pretende dar a sorpresa e conseguir nesta provincia un escano, polo que tamén pelexa o PSOE para sumalo ao que ten, namentres que o PP busca non perder ningún dos tres con que conta.

Redacción - 20:05 21/02/2008

Se ben a loita vai ser intensa en cada recuncho do país, a provincia de Ourense semella ser a xoia da coroa nestas eleccións lexislativas ao parlamento español. Os obxectivos das tres principais formacións políticas do país, PPdeG, PSdeG e BNG, pasan por aquí. No caso das dúas últimas coa intención de medrar (os nacionalistas non contan con ningún e os socialistas, con un), e no dos populares, de non perder ningún dos tres escanos que acadou nos comicios de 2004.

Mais o PPdeG tamén conta con despregar a súa artillaría na provincia de Pontevedra onde xogan gañar un deputado. O PSdeG non descoida as costas e centrará a maior parte dos seus mitins na Coruña, onde podería perder un representante. E o BNG aproveitará o tirón dos seus alcaldes con maioría de actos en municipios onde goberna.

Os populares celebrarán oito dos seus mitins máis destacados na provincia pontevedresa, en cuxa capital tamén pecharán a campaña o próximo día 7 de marzo. O candidato do PP á Moncloa, Mariano Rajoy, visitará Vigo e Ourense, cidade esta última elixida para a apertura de campaña. Outros dirixentes e candidatos estatais como Alberto Ruiz Gallardón, Manuel Pizarro, Esperanza Aguirre ou Francisco Álvarez Cascos tamén farán campaña no noso país.

PSOE
Os socialistas, pola súa banda, centraranse na provincia da Coruña -lugar onde abren a campaña-, que será un dos seus principais escenarios da batalla electoral, xa que a caída de poboación con respecto a outras provincias propiciou que se escollan oito actas, en lugar de nove. O ministro de Cultura, César Antonio Molina, é o cabeza de lista.

O presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, estará o día 28 de febreiro na Coruña para dar o seu único mitin en Galiza durante a campaña electoral. O PSdeG elixiu Ourense para o peche de campaña, cun mitin no que participarán o seu secretario xeral, Emilio Pérez Touriño, e a candidata do PSOE por Ourense, a ministra española de Agricultura, Elena Espinosa.

BNG
Para o BNG conseguir un terceiro escano por Ourense sería un excelente resultado. No entanto centrará os seus esforzos sobre todo nas provincias de Pontevedra e A Coruña, onde pronunciarán seis e sete mitins, respectivamente. Os últimos cinco días de campaña o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, intervirá en cinco mitins nas catro capitais de provincia e mais en Vigo, onde os nacionalistas pecharán a campaña electoral.

O primeiro dos mitins, logo da tradicional pegada de carteis que organizan en Compostela, terá lugar en Monforte de Lemos. Seguiranlle Carballo, Melide, Pontevedra, Bueu, Tomiño e Allariz, todos gobernados polo BNG. O resto dos mitins principais terán como escenario municipios cun goberno de coalición entre socialistas e nacionalistas, entre estes, Foz, Vilagarcía, e as grandes cidades galegas, nas que, salvo en Ferrol e Lugo, PSdeG e BNG comparten goberno, e en dous concellos rexidos polo PPdeG, Ponteareas e Ribeira.

Debate
Os tres líderes políticos galegos terán un notable protagonismo ata o 9 de marzo. De feito, Pérez Touriño, Anxo Quintana e Núñez Feijoo participarán por primeira vez nun debate na TVG, o 27 de febreiro.


4,56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: