Preséntano contra a Xunta Electoral Central, por non facer por "separar a información da propaganda" e por impoñer tempos fixos para os bloques electorais en RTVE.
O Col.legi de Periodistes de Catalunya, a Asociación de Prensa de Madrid e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) van presentar un recurso legal ante o Tribunal Supremo contra a resolución da Xunta Electoral Central (XEC).
A dita resolución obriga aos profesionais de RTVE a "modificar a súa cobertura" electoral e aplicar diariamente a proporción de espazos ofrecidos aos partidos en función da representatividade conseguida por cada un deles nas eleccións de 2004.
Contra a propaganda "disfrazada de información"
A través dun comunicado, o CPXG denunciou que a práctica de incluír, por imperativo legal, actos de propaganda política como noticias dentro dos espazos informativos "vai en contra da obriga democrática de separar a información da opinión e da propaganda". Tamén critica que a imposición de tempos fixos para os bloques electorais supón a "deturpación do dereito á información".
No mesmo sentido, o CPXG reclama "unha vez máis a democratización e profesionalización das televisións públicas", que ven como un "instrumento básico para a formación do sentido do voto nunha campaña electoral". Alén disto, os xornalistas galegos denuncian o "paradoxo" de que a Xunta Electoral Central obrigue ás televisións públicas a emitir como información mensaxes partidarias de campaña, e non lles garanta aos cidadáns "o acceso aos debates entre os principais candidatos a través das televisións que deben ser de todos".
Tamén a Asociación de Prensa de Madrid e o Col.legi de Periodistes de Catalunya uniron as súas voces á galega, na redacción e presentación deste recurso, que se presentará a vindeira quinta feira no TS. As tres asociacións de xornalistas consideraron que a cousa vai ir adiante, amparada no dereito a recibir e emitir información, no pluralismo e a neutralidade informativa.