"Non me despido de vostedes", escribe en Granma Fidel Castro, "desexo só combater coma un soldado das ideas".
"Traizoaría xa que logo a miña conciencia ocupar unha responsabilidade que require mobilidade e entrega total que non estou en condicións físicas de ofrecer", relata o até o de agora presidente cubano, "explícoo sen dramatismo". "Afortunadamente o noso proceso conta aínda con cadros da vella garda, xunto a outros que eran moi novos cando se iniciou a primeira etapa da Revolución. Algúns case nenos incorporáronse aos combatentes das montañas e despois, co seu heroísmo e as súas misións internacionalistas, encheron de gloria ao país. Contan coa autoridade e a experiencia para garantir a substitución. Dispón igualmente o noso proceso da xeración intermedia que aprendeu xunto a nós os elementos do complexo e case inaccesible arte de organizar e dirixir unha revolución", reflexiona Fidel Castro.
Engade o líder cubano na mesma carta publicada este martes polo diario Granma en internet: "nin aspirarei nin aceptarei, repito, nin aspirarei nin aceptarei, o cargo de presidente do Consello de Estado e Comandante en Xefe".
Finaliza a misiva indicando: "O camiño sempre será difícil e requirirá o esforzo intelixente de todos. Desconfío das sendas aparentemente fáciles da apoloxética, ou a autoflaxelación como antítese. Prepararse sempre para a peor das variantes. Ser tan prudentes no éxito como firmes na adversidade é un principio que non pode esquecerse. O adversario a derrotar é sumamente forte, pero mantivémolo baixo control durante medio século".
"Non me despido de vostedes. Desexo só combater como un soldado das ideas. Seguirei escribindo baixo o título Reflexións do compañeiro Fidel. Será un arma máis do arsenal coa cal se poderá contar. Talvez a miña voz se escoite. Serei coidadoso".
Poden ler aquí a mensaxe completa de Fidel Castro.