O equipo ciclista profesional galego comezou o ano seriamente, metendo aos seus nos primeiros postos do ciclismo internacional. Mais tamén algo accidentado.
O Karpin Galicia culminou a súa primeira incursión no continente asiático coa terceira praza do podio, conseguida por Gustavo César Veloso.
Veloso terminou o Tour de Langkawi (Malaisia), tras nove días de competición, coa vitoria do moldavo Ruslan Ivanov, con 29 segundos de vantaxe sobre o francés Matthieu Sprick e 32 sobre Veloso.
A proba malaia reuniu unha participación de vintecinco equipos na que estaban representados os cinco continentes. De entre todos, destacou o KGZ, que se situou de undécimo na clasificación final. A expedición galega volverá de Malaisia o vindeiro día 21.
Accidentado comezo para o Karpin Galicia na Volta a Andalucía
José Antonio López Gil (Andalucía-Cajasur) gañou a primeira etapa da rolda andaluza, situándose de primeiro na xeral, con 9 segundos de vantaxe sobre Clément Lhotellerie (Skil-Shimano), que entrou a un minuto 15 segundos de Pablo Lastras (Caisse D'Epargne). Este último pasou a liña de meta da primeira etapa a tres minutos e medio sobre o pelotón principal, onde estaban Eduard Vorganov, Iban Mayoz e David Herrero, do KGZ.
No descenso do segundo porto do percorrido, sobre o quilómetro 65 da etapa, produciuse unha caída no pelotón, na que o KGZ levou a peor parte, ao verse involucrados catro dos sete corredores do equipo galego: Carlos Castaño, David Abal, Iban Mayoz e Gustavo Domínguez.
Despois do imprevisto, Mayoz puido continuar, chegando á meta no grupo principal. Domínguez tamén conseguía manterse na carreira, pero entre o tempo perdido mudando a bici e limpando as mazaduras, acabou acumulando unha considerábel demora.
Os peor parados foron Carlos Castaño e David Abal. O primeiro foi evacuado en ambulancia a un centro sanitario, e o seu estado, aínda que non é grave, é de considerar, posto que se magoou no ombreiro que xa tiña lesionado na pasada Vuelta a España. Abal tiña danada unha man, o que lle impedía apertar o guieiro da bicicleta, polo que tivo que abandonar tamén a carreira.