Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Páxinas Centrais

Entrevista a Agustín Fernández Paz

Agustín é home da casa. Cando Irimia era pequeniña, el xa escribía nela, aínda que con pseudónimo. Porén, é máis coñecido coma escritor, profesor de lingua, cofundador dos colectivos Avantar e Nova Escola Galega e, recentemente, coautor do traballo titulado “A planificación lingüística nos centros educativos”


Falamos con el da controversia aparecida nos medios sobre o cambio lexislativo que a normalización lingüística sufriu.

Manolo G.Turnes - 22:30 17/02/2008
Tags:
Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz

- Que cambia coa nova lexislación sobre lingua?

R: Co novo decreto aprobado en xuño do 2007, non cambian os obxectivos lingüísticos do sistema educativo, que veñen sendo os mesmos desde a Lei de Normalización Lingüística de 1983: garantir que o alumnado, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar, acade unha boa competencia nas dúas linguas oficiais de Galicia. O que si cambia é a normativa que regula o uso das dúas linguas como vehiculares no ensino. Cun atraso de 25 anos, a Administración establece por primeira vez unha planificación que, cando menos na teoría, pode levarnos a conseguir o obxectivo sinalado na Lei de Normalización Lingüística (LdeNL).

- En que se basea a decisión de modificar a lexislación?

R: O novo decreto supón a posta en práctica dunha das medidas recollidas no Plan Xeral de Normalización da Lingua (PXNL), promovido polo último goberno do PP e aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro do 2004. Dentro das medidas propostas no PXNL estaba a de substituír o anterior decreto, do ano 1995, por outro que, en teoría, garantise a adquisición dunha boa competencia en galego e en castelán por parte de todo o alumnado.

- Por que repite “en teoría”?

R: Digo en teoría porque na práctica está por ver. As leis non cambian a realidade, só indican o camiño por onde debe discorrer ese cambio. Se non se poñen os medios materiais e humanos necesarios para que as medidas do decreto do 2007 se apliquen, dificilmente cambiarán as cousas na práctica.

- Que é iso dun mínimo do 50% das materias en galego?

R: Pois é algo tan sinxelo como que, cando menos, a lingua galega debe ser empregada como vehicular na metade das áreas. Esta medida responde ás condicións mínimas imprescindibles dos chamados “programas de mantemento”, que son aqueles que buscan asegurarlle ao alumnado unha boa competencia nas dúas linguas. Que é precisamente o que en Galicia se pretende desde a LdeNL de 1983.

- Corren perigo os dereitos dos castelán falantes?

R: Iso é como preguntar se corren perigo os dereitos dos homes pola aprobación das leis que buscan eliminar a discriminación social das mulleres. Ata o momento presente, os únicos que corren perigo son os dereitos do alumnado galego falante, como ben demostraron os diversos estudos realizados: a escola, ao longo destes anos e con valiosas excepcións, foi un eficaz sistema desgaleguizador. O que se pretende é que deixe de selo.

- Insisto: seguro que non corren perigo os dereitos dos castelán falantes?

R: Non vexo que dereitos poden correr perigo. O actual decreto propón as medidas necesarias para que o alumnado que ten o castelán como primeira lingua consolide a competencia plena nela (consolidación que se ve reforzada polo papel hexemónico do castelán na vida social). A única novidade é que, ao tempo, preténdese que adquira unha boa competencia en galego. Non creo que iso sexa violentar dereito ningún, porque as linguas sempre suman, nunca restan.

- Hai quen di que se pretende o mesmo que no franquismo, só que ao revés.

R: Quen di iso só o pode facer desde a ignorancia ou desde unha profunda mala fe. No franquismo impúxose unha única lingua e o galego reprimiuse de xeito sistemático, buscando a súa desaparición. No sistema educativo, oficialmente nin existía. Pola contra, coa lexislación da actual etapa democrática, o que se pretende é que o alumnado adquira unha plena competencia bilingüe.

- Por que se fala entón da “imposición do galego”?

R: Daríame a risa ao escoitar iso se non soubese que quen o din saben que non é certo, máis pretenden que se impoña como unha idea fixa na sociedade, de aí a repetición sistemática. De verdade alguén que viva en Galicia e non estea comido polos prexuízos pode falar da imposición do galego? Agás que se fale de “imposición” polo feito de que unha parte da sociedade tratemos de utilizar o galego con normalidade na nosa vida cotiá e non nos resignemos á progresiva desaparición que algúns desexarían, se xulgamos por esa frase.

- Pode a dirección dun centro obrigar a un profesor a dar a súa clase en galego se así está recollido no PDL? E en castelán?

R: En teoría, o centro elabora o seu Proxecto Lingüístico e a dirección é a encargada de organizar o profesorado de maneira que ese PL se poida levar á práctica. Se o profesorado ten unha boa competencia nas dúas linguas, non ten por que haber obriga ningunha.

- Xa, pero, podería obrigar?

R: En teoría, a dirección dun centro ten a obriga de cumprir e facer cumprir a lei. Mais o enfoque axeitado non é o de obrigar ou non. Entroutras cousas, porque mal pode dar clases en galego unha persoa que non sabe ou que ten profundos prexuízos cara a el. Na práctica, esa obriga só funciona co profesorado galego falante, que emprega o castelán para impartir a parte do currículo lexislada, pola sinxela razón de que todo galego falante ten tamén competencia plena en castelán. A solución para que tamén ocorra ao contrario pasa porque a Administración poña os medios para que o profesorado que o precise adquira unha boa competencia en galego.

- Que medidas toma a Administración para asegurar que a lei se cumpra?

R: Pois xa o iremos vendo nos vindeiros meses. Este é o primeiro curso que está en vigor o novo decreto e é moi cedo para avaliar nada. As medidas teñen que pasar por máis formación e máis medios, e algunhas houbo, sempre dirixidas ao profesorado. De todos xeitos, resulta descorazonador que, a estas alturas, aínda non houbese desde a Administración ningunha actuación dirixida á cidadanía, en xeral, explicando o contido do decreto e os seus obxectivos. Se a houbese, se cadra non atopariamos nos xornais as ladaíñas interesadas sobre “imposicións” e outras falacias que lemos decote.


4,9/5 (10 votos)