O gasto triplica o que destina Galiza á promoción exterior da cultura, e foi apoiado por todos os partidos, agás PP e Ciutadans, que criticaron a ausencia de autores en castelán, mais non o aspecto económico.
O investimento final da Generalitat na Feira do Libro de Fráncfort situouse nos 11,5 millóns de euros, mentre que os ingresos derivados da participación catalana chegaron aos 12,5 millón, despois do aumento dos patrocinios. Josep Bargalló, director do Instituto Ramon Llull, encargado de difundir a cultura catalana no exterior, fixo balance esta semana no Parlament catalán, onde recibiu o apoio de todos os grupos, agás de PP e Ciutadans, que criticaron a ausencia de autores en castelán, mais non o aspecto económico.
Bargallo fixo fincapé nos beneficios obtidos pola cultura catalana e a industria da edición, máis aló do balance económico directo. Así, lembrou que en 2007 traducíronse do catalán ao alemán 53 libros e 5 audiolibros, mentres que no período 1999-2003 fora un total de 29 obras. Como referencia, o ano que Portugal foi o país convidado, traducíronse 42 libros ao alemán. Ademais, no 2007 28 institutos de Alemaña impartiron clases de catalán como lingua estranxeira. En canto á asistencia ás exposicións organizadas por Cataluña en Fráncfort, a asistencia total chegou ás 70 mil persoas, corenta mil na mostra central e 23 mil na dedicada á construción da Sagrada Familia.
O debate, en Galiza
A presentación do balance da participación de Cataluña en Fráncfort coincide coa polémica xerada en Galiza polo Partido Popular, que criticou con dureza o investimento realizado pola Consellaría de Cultura para apoiar a participación galega na Feira Internacional do Libro da Habana. Os Presupostos da Xunta para este exercicio recollen unha partida de 3,4 millóns de euros no capítulo de promoción exterior da cultura. O gasto que realizará a Xunta é menos da terceira parte do que fixo Cataluña en Fráncfort, e como referencia, o Instituto Cervantes inviste cada ano case cen millóns de euros en defender a cultura española no exterior.