Han adestrar o día 19 de febreiro na Malata, preparándose para o gran debut fronte ao país que inventou o futsal.
Os seleccionadores galegos de fútbol sala, Bruno García e Javier Pardeiro, desvelaron esta sexta feira a convocatoria para o partido que a selección nacional disputará o vindeiro 29 de febreiro contra Uruguai, en Ferrol.
Os adestradores tamén adiantaron que a selección adestrará o próximo día 19 de febreiro, de 18:00 a 20:00 horas, no pavillón Polideportivo de A Malata, preparándose no escenario mesmo do partido.
A listaxe dos convocados
Na lista, formada por quince xogadores, destaca a presenza de Roberto García Pitu e Juan Puertas do Leis Pontevedra; Manu do Autos Lobelle Santiago e Toni e Adri do Azkar Lugo, todos eles xogadores que militan na División de Honra do fútbol sala.
Mais tamén, e tal como dixeron os seleccionadores, hai xente dos clubes da División de Prata, coma Edu, Juanma e Revilla, do Burela FS; e Edu e O. Vivian do Ourense FS. Da Nacional A van convocados xogadores coma Canoli, Pablo e Vítor, do Cidade de Narón, e Regueira e Pana d'O Parrulo de Ferrol.