Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
INAUGURACIÓN DA FEIRA DO LIBRO DE HABANA

A cultura galega pide paso

O acto estivo presidido por Raúl Castro, a quen acompañaban Ánxela Bugallo, e os ministros de Cultura cubano, Abel Prieto, e de Venezuela, o galego Farruco Sexto.

Redacción - 12:30 15/02/2008

No acto, no que a cultura galega estivo moi presente en todo momento, coa música de Mercedes Peón como condutora, interviu, ademais da conselleira de Cultura, o director xeral do Instituto do Libro Cubano, Iroel Sánchez, e os dous escritores homenaxeados na Feira, Antón Arrufat e Graziella Pogolotti, premios nacionais de literatura cubanos. As palabras de Ánxela Bugallo centráronse nos lazos históricos que uniron a Galiza e a Cuba ao longo dos últimos séculos e na vontade de proseguir o camiño de internacionalización da cultura galega: "Quédanos moito traballo por diante, pero hoxe iniciamos o camiño de colocar ao noso país nos circuítos culturais do mundo".

A seguir, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, impartiu a conferencia inaugural da Feira. Diante dun público moi numeroso, o historiador explicou o binomio "cultura" (un punto de vista sobre o mundo) e "país/nación" (modo de estar e actuar no mundo) aplicado ao caso galego e falou da importancia da cultura para a construción dunha identidade de país.

Programa para este venres
Na xornada de hoxe destacan as actuacións de Carlos Núñez e a Real Filharmonía, no Teatro Amadeo Roldán a partir das seis e media da tarde. Ademais, inaugurarase a exposición 10 años de Historieta Gallega, organizada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, e no que intervirán Miguelanxo Prado, Santy Gutiérrez, Fran Jaraba e Jacobo Fernández.

No ámbito audiovisual, celebrarase unha mesa redonda sobre videocreación cubana e galega, coa participación de Alberte Pagán, Eduardo Moltó e Luisa Marisy. No acto proxectaranse traballos de ambos os dous países e entre eles o filme realizado de xeito conxunto por Pagán e Moltó nos últimos meses.

Pola mañá, a partir das dez (hora cubana) presentarase o Roteiro galego na Habana, presentado por Nancy Pérez e Natasha Vázquez, coa presenza de Ánxela Bugallo, Víctor Freixanes e dos historiador oficial de La Habana, Eusebio Leal.

Ademais, este venres intervirán Pilar García Negro, que pronunciará unha conferencia sobre Presenzas: De Rosalía de Castro a Castelao, o rostro verdadeiro de Galicia; e Aurora Marco que falará de As mulleres galegas en Cuba. Finalmente, Miguel Anxo Fernán Vello e Xavier Rodríguez Baixeras manterán un encontro con escritores e lectores.

Para rematar a xornada previa á primeira fin de semana da Feira, na Isla Interactiva presentaranse os portas www.readgalicia.com, e www.letrasdegalicia.com.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Conferencia inaugural de Ramón Villares
Conferencia inaugural de Ramón Villares
Dous momentos da inauguración da Feira no Castillito
Dous momentos da inauguración da Feira no Castillito
Concerto de Mercedes Peón, este xoves na Habana
Concerto de Mercedes Peón, este xoves na Habana