Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reaccións

O PSdeG nega que a Xunta pagase a viaxe dunha axente electoral e ameaza con ir aos tribunais

A deputada socialista Marisol Soneira dixo que nalgunhas ocasión a Xunta intercede en "situacións de emerxencia" de emigrantes, algo que xa acontecía "cando gobernaba o PP".

Redacción - 18:04 14/02/2008
A deputada socialista Marisol Soneira envioulles un comunicado aos medios

A deputada socialista Marisol Soneira envioulles un comunicado aos medios

A deputada do PSdeG no Parlamento, encargada de asuntos de emigración, Marisol Soneira, negou esta quinta feira que a Xunta pagase con fondos públicos a viaxe a Bos Aires (Arxentina) dunha suposta axente electoral para o actual alcalde de Muxía, tal e como fixo público esta mesma xornada o PPdeG, e ameazou con "denunciar" a María Isabel B.R. se "insiste" nestas acusacións.

"Descoñezo este caso en concreto, mais se esta persoa insiste, levareina aos tribunais, porque non forma parte do modo de actuar do PSdeG nin do meu este tipo de actuacións", aseverou Soneira. O seu nome figura como remitente na secuencia de correos electrónicos achegados polo PPdeG como proba das súas acusacións.

Ademais, nun comunicado argumentou que, nalgunhas ocasións, a Xunta intercede en "situacións de emerxencia" de emigrantes que "atende nalgúns casos e noutros non", e puntualizou que isto xa acontecía "cando gobernaba o PP". "Sábeo ben o daquela conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal", apuntou.

"O PPdeG trata de tapar as súas miserias"
Neste senso, Soneira opinou que o PPdeG trata de "ensucialo todo" para "tapar as súas miserias". "Moi mal lle teñen que ir as cousas aos populares para recorrer ao estado de necesidade das persoas e facer con el electoralismo puro e duro", insistiu.

A deputada socialista explicou ademais que "de ser certas" as acusacións do PP "habería que explicar os resultados electorais do Partido Socialista en Arxentina". Así, detallou que nas pasadas municipais o PSdeG obtivo 30 votos no Concello de Muxía, namentres que o PPdeG conseguiu 300 sufraxios.

"Foi precisamente no reconto da mesa da emigración onde o PSOE perdeu a maioría absoluta que obtiña no resto das mesas do municipio", destacou a deputada .


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: