Quintana asegurou que as forzas nacionalistas "non renuncian" a presidir as cámaras españolas.
O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, deu a coñecer este mércores en Madrid as propostas programáticas conxuntas da plataforma Galeuscat de cara ás eleccións xerais do 9 de marzo. Quintana contrapuxo as tentativas "recentralizadoras" do PP e do PSOE, que tachou de modelo "antigo" coa alternativa dun nacionalismo que propón un modelo "democrático do Estado Español".
O líder nacionalista, acompañado do número 1 da lista do BNG ao Congreso pola Coruña, Francisco Jorquera, dixo que a proposta nacionalista contrasta coa "crispación bipartidista", que se debe substituír co "diálogo como camiño construtivo". O traballo, que durará catro anos, levará as tres forzas de Galeuscat, o BNG, o PNV e CiU, a se reunir despois do 10 de marzo "para empezar a traballar".
Francisco Jorquera foi o encargado de presentar as bases da proposta de Galeuscat, como a reforma do Senado, "profunda e ambiciosa", dixo. As tres forzas pretenden que a cámara alta represente de xeito efectivo o territorio, con membros designados polas Comunidades Autónomas, modificando os criterios de composición e recoñecendo "os feitos diferenciais". Ademais, propoñen que o Senado amplíe as súas funcións e se converta nunha "cámara de primeira en moitas iniciativas lexislativas e os senadores de cada comunidade autónoma poidan ter dereito a veto" nas iniciativas que lles afecten.
Quintana non descartou a posibilidade de que despois de marzo haxa un presidente do Congreso ou do Senado nacionalista, como demostración da súa participación na gobernabilidade do Estado, aínda que o nacionalismo "non impón condicións". No referente aos posíbeis pactos, o voceiro nacional explicou que o BNG "non ten atavismo contra ningunha forza política", aínda que recoñeceu que os principios programáticos do PP fan imposíbel chegar a un acordo. Porén, "tampouco estamos aquí para estender ningún cheque en branco ao Partido Socialista", aclarou.