A comisión especial do parlamento de Euskadi que estuda os sucesos do 3 de marzo de 1976 en Vitoria-Gasteiz solicitou a comparecencia ante esa comisión de Manuel Fraga Iribarne e Rodolfo Martín Villa, os políticos do réxime que daquelas tiñan responsabilidade na seguridade e nas policías, segundo informan varios medios vascos.
Nos sanguentos sucesos ocorridos aquela data na capital alavesa morreron cinco obreiros durante unha carga policial e varias persoas resultaron feridas na igrexa de San Francisco de Asís.
Na terceira xornada de folga que os obreiros convocaban para protestaren polos axustes salariais previstos, decenas de miles reuníronse nas inmediacións do templo en asemblea.
A Policía, metralletas e pistolas en man, desaloxou forzosamente a igrexa. Cinco traballadores morreron e un centenar resultaron feridos de bala.
Catro meses despois da morte de Franco Tan só pasaran catro meses dende a morte de Franco. Presidía o goberno do Estado Carlos Arias Navarro, e o ministro do que entón se chamaba a Gobernación era o tamén ex presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, e de Relacións Sindicais, Rodolfo Martín Villa.
Un boletín policial interno da época pon de relevo o temor a que a folga se estendese e acabase co co goberno de Arias Navarro. A dureza coa que actuou a policía podería responder a estes temores.