A alcaldesa de Melide foi elixida para encabezar a asociación de emisoras municipais, que seguirá apoiando o proxecto Radiofusión.
Socorro Cea
A asociación de Emisoras Municipais de Galicia (EMUGA) elixiu o martes á tarde a súa nova directiva nunha asamblea que se desenvolveu no Club Internacional de Prensa de Compostela. A nova presidenta será Socorro Cea, alcaldesa de Melide. Acompañarana na Permanente da asociación o alcalde de Fene, Iván Puentes; o concelleiro de Culleredo Celestino Poza; o alcalde de Palas de Rei, Fernando Pensado; o concelleiro de Redondela Xosé Carlos Pazos; o alcalde de Arzúa, Xaquín García Couso, e o alcalde de Allariz, Francisco García Suárez. O cargo de secretario de EMUGA exercerao o director de Radio Fene, Henrique Sanfiz.
A asemblea da entidade respaldou o estado de contas e o informe de actividades, que incide na importancia do proxecto Radiofusión, unha programación conxunta de apoio á comunicación de proximidade. Así mesmo, Radiofusión pretende configurar un espazo galego de comunicación. En EMUGA están integrados actualmente os trinta concellos do país con emisora municipal.