Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Houbo ou non complicidade cos rebeldes?

O goberno australiano é criticado por non actuar con xeito en Timor-Leste

Despois dos atentados contra o presidente e o primeiro ministro, acúsase ao suposto líder dos rebeldes, Alfredo Reinaldo, ao tempo que se dubida da complicidade australiana.

Redacción - 12:15 13/02/2008
O suposto líder dos rebeldes, o maior Alfredo Reinado

O suposto líder dos rebeldes, o maior Alfredo Reinado

Esta segunda feira, en dous atentados consecutivos, tentaron matar o presidente de Timor-Leste, Ramos Horta, e o primeiro ministro, Xanana Gusmão.

Ámbolos dous sobreviviron aos ataques, dos que se responsabiliza ao ex membro das forzas armadas timorenses, o maior Alfredo Reinado, que supostamente lidera un grupo de rebeldes ao goberno e ao dominio australiano no país, e que podería xa estar morto, tras ser abatido pola escolta presidencial (non hai confirmación oficial). De feito, na mesma mañá da segunda, houbo outro atentado na base militar que ten Australia no centro da capital timorense, Dili.

Ao longo da semana tamén houbo cruce de críticas entre o comandante das forzas armadas timorenses, o xeneral Matan Ruak, e o ministro de Exteriores australiano, porque o primeiro pensaba que as forzas armadas australianas non actuaran correctamente na defensa do país veciño, mentres que o político defendía as súas tropas, salientando que hai meses que xa non estaban detrás dos presuntos rebeldes, por indicacións do propio presidente timorense, Ramos Horta.

Os intereses australianos en Timor-Leste
Esta cuarta feira chegaban outros 200 soldados australianos para defender as súas bases no país.

Ao parecer, hai anos que os australianos teñen posta a vista no país veciño, posto que as súas reservas de petróleo son abondosas. Mesmo hai quen apunta a que foron eles os que moveron os fíos para botar á Fretilin (movemento de resistencia que loitou pola independencia de Timor-Leste, primeiro de Portugal e despois de Indonesia, entre 1974 e 1998) do poder, traballando no armamento dunha resistencia ao goberno de Alkatiri, (líder da Fretilin e primeiro ministro do país de 2002 a 2006).

Isto é, os intereses australianos foron os que, segundo se di, crearon o clima de inestabilidade, e traballaron por mudar o goberno. Neste sentido, o maior Reinado, que agora é acusado de liderar os rebeldes e de atentar contra o goberno timorense, facía parte desa primeira onda anti-Fretilin e puido axudarlles, naquela altura, aos membros do actual goberno (presidente e primeiro ministro) a conseguir o poder.

Unha vez feito, algo fallou entre os artífices do cambio de goberno e o propio goberno australiano, de tal xeito que mudou a situación entre eles, converténdose Reinado, para o goberno timorense, no líder dos rebeldes.

Sospeitas da complicidade australiana cos rebeldes
Do que se sospeita agora é da inoperancia das forzas armadas australianas presentes no país, que non souberon (en teoría), até cando xa era tarde, das posibilidades deste atentado. Fálase mesmo de cooperacionismo entre o líder dos rebeldes e o goberno australiano. De feito, mesmo o comandante das forzas armadas timorenses, Matan Ruak, dixo non comprender como foi posíbel que os rebeldes se achegasen á casa do presidente para atentar, e asegurou que espera que o continxente australiano non contribuíse ao agravamento da situación do país, en clara alusión ás denuncias de complicidade co maior Reinado e o movemento dos rebeldes.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: