Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acudía a unha charla na Facultade de Económicas

Incidentes ás portas da conferencia da presidenta do PP vasco en Santiago

Feridos leves no forcexo entre os estudantes que recibían con apupos a María San Gil e os escoltas que lle abrían camiño a mocadas.

Redacción / Europa Press - 14:30 12/02/2008

Arredor de medio cento de estudantes concentráronse este martes diante da Facultade de Económicas, onde recibiron con berros e reproches á presidenta do PP en Euskadi, María San Gil. Á súa entrada na facultade, o equipo de seguridade de San Gil, formado por dous escoltas, reforzados por catro policías locais, mantivo un forcexo cun grupo de estudantes.

Segundo informaron a Europa Press fontes de seguridade do equipo do PP, algúns estudantes "trataron de agredir" a San Gil e durante o balbordo un dos escoltas resultou ferido cun corte nunha man e outros dous policías sufriron contusións. Por outro lado, estudantes que participaban no boicot ao acto tamén denunciaron ter recibido puñazos cando o grupo entraba.

María San Gil acudiu este martes a Compostela para impartir unha conferencia na Facultade de Económicas baixo o título "A aposta dunha muller polo progreso, pola convivencia e pola liberdade", charla enmarcada dentro do ciclo "A muller na sociedade e na economía", organizado pola Universidade de Santiago. O acto estaba programado para o mediodía e inauguraba o ciclo co que o centro conmemora os seus 40 anos de historia.

A presidenta do PP vasco acompañara previamente ao candidato ao Congreso do PP pola Coruña, Xerardo Conde Roa, nunha visita á Cidade da Cultura, enmarcada nos actos cos que os populares de Santiago inician a precampaña electoral.

Agir afirma que se manipularon os feitos (actualizado ás 18.58 horas)
A organización xuvenil Agir, que tiña convocada a protesta, enviou esta tarde un comunicado no que asegura que “en ningún momento se produciron as agresións por parte do estudantado”. Pola contra, aseguran que algúns estudantes foron agredidos polos escoltas da dirixente popular e que incluso están valorando presentar denuncia. Por último, subliñan que están a recibir ameazas telefónicas e por correo dende que “os medios comezaron a difundir a idea de que existiron agresións”.

PPdeG, PSdeG e BNG condenan o acontecido
As tres formacións políticas con presenza no Parlamento (PPdeG, PSdeG e BNG) condenaron de xeito contundente o sucedido alegando que protestas como as acontecidas este martes na USC son "incompatíbeis co xogo democrático".

O secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, expresou o rexeitamento "sen paliativos" do seu partido "aos actos de violencia" sufridos por San Gil, á cal lle trasladou "todo o seu apoio e solidariedade".

O BNG tamén censurou "as actitudes violentas" do grupo de estudantes porque subliñou que "violentar un acto público, sabotar unha conferencia, é unha práctica incompatíbel coas regras máis elementais da democracia e co necesario respecto ao pluralismo político". "Ningunha opción política debe ser censurada nin privada do uso da palabra nin da posibilidade de expresarse libremente", expresa o Bloque nun comunicado.

O PPdeG tratou de levar o asunto ao Parlamento
Ao fío, Núñez Feijóo queixouse de que PSdeG e BNG "se negaron" a condenar de xeito unánime no Parlamento galego a agresión sufrida hoxe pola presidenta do PP do País Vasco, María San Gil, na Facultade de Económicas da Universidade de Santiago.

Polo PPdeG, o presidente do partido, Alberto Núñez Feijoo afirmou que "non se pode ser morno con actitudes totalitarias" e alertou de que, "ou o Goberno cambia esta actitude e esta incomprensión ou a escalada de violencia pode agrandarse nas próximas semanas".


4,74/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: