Dez creadores representarán a Torre de Hércules para apoiar a candidatura a Patrimonio da Humanidade.
A Torre de Hércules é o símbolo indiscutíbel da cidade da Coruña e está presente nas retinas e no maxín dos seus habitantes dende o seu nacemento. Tamén nos dos seus artistas. O Concello reuniu a dez creadores de todos os ámbitos das artes plásticas para que cada un ofreza a súa visión da Torre, todo coa vista posta no reto de conseguir que o faro sexa designado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Os artistas escollidos foron Manuel Vilariño (fotógrafo e pintor), Miguelanxo Prado (debuxante), Xosé Díaz (deseñador gráfico), Vicente Prego (pintor), María Luaces (deseñadora gráfica), Juan de la Colina (pintor), Xurxo Gómez-Chao (pintor), Lara Pintos (pintora), Antón Lezcano (deseñador e creativo publicitario), e Noemí Otamendi (deseñadora e fotógrafa).
As obras realizaranse sobre unha reprodución de dous metros de altura, e poderanse empregar distintas técnicas pictóricas, fotográficas e audiovisuais. Os traballos exporanse a mediados de marzo nun espazo que se habilitará nos Cantóns. Ademais, durante o tempo que dure o tempo de designación da Torre, colocaranse as obras en distintas ubicacións emblemáticas da cidade, coma o Monte de San Pedro, o Quiosco Alfonso ou o Pazo de María Pita.
Miguelanxo Prado xa presentou hai unhas semanas o cartaz que representará á Torre. E o mesmo fixo Isaac Díaz Pardo, ao que se lle encargou o logo oficial que se empregará en todas actividades relacionadas coa candidatura.