Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
O C.E.S. valora positivamente o proxecto da depuradora (EDAR) de O Grove

O CES nega ningún tipo de pacto ou intercambio sobre a EDAR

O Colectivo Ecoloxista do Salnés quere manifestar, entorno a recentes declaracións aparecidas nos xornais sobre o proxecto de EDAR de O Grove, o seguinte:

Colectivo Ecoloxista do Salnés - 09:50 12/02/2008
Tags:

-          O CES non fixo ningún tipo de pacto ou acordo con goberno local sobre a EDAR a cambio dunha desaparición do campionato de tiro ao pombiño. A valoración do CES sobre a EDAR atinxe só ao anteproxecto consultado, non a un pago por supostos favores.

-          O Concello de O Grove, ademais, nunca se posicionou claramente contra o campionato de tiro, polo cal non caben as elucubracións vertidas polo ex-alcalde. Dende aquí e agora, con luz e taquígrafos (como  sempre actúa o CES) animamos ao Concello a rexeitar este tipo de actividades, e a buscar alternativas económicas máis sustentables e acordes cos tempos que corren.

-          O CES, ademais, nunca fixo un pronunciamento público contra a proposta de EDAR en Rons. Se ben nalgún medio apareceu algún titular confuso a este respecto, isto foi debido a un malentendido con membros doutros grupos.

-          Como ben saben tódalas persoas que sigan a traxectoria do CES, o Colectivo non efectúa pactos privados nin intercambios, e menos aínda cando estes incluísen manter silencio ante impactos ambientais.

-          Ante os argumentos indocumentados de que a zona proposta para a EDAR está afectada por figuras de protección ambiental, aclarar que isto non é certo: non é LIC (Rede Natura), nin ZEPA, nin Ramsar. Porén, a Lagoa das Esteiriñas e litoral próximo reúnen valores de fauna, flora e paisaxe dignos de seren recuperados, o que permitiría gañar un espazo natural para os veciños da vila, tal e como estamos a solicitar.

Nota emitida polo CES o 5 de febreiro

O C.E.S. valora positivamente o proxecto da depuradora (EDAR) de O Grove


O Colectivo Ecoloxista do Salnés, unha vez estudado o proxecto para a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de O Grove, exposto no Concello e en prazo de alegacións, desexa facer pública a súa postura ao respecto:

-          O CES valora positivamente a existencia dun proxecto para a EDAR, asignatura pendente neste municipio, máxime tendo en conta a súa vocación pesqueira, marisqueira e turística.

-          O emprazamento escollido non provoca alteracións significativas sobre áreas naturais protexidas.

-          Boa parte dos potenciais impactos debidos á ubicación e o funcionamento da planta (cheiros, impacto visual...) poden ser correxidos mediante técnicas e tecnoloxías xa contrastadas e existentes no mercado.


Porén, nas inmediacións do emprazamento escollido atópase unha lagoa litoral, coñecida como a Lagoa das Estreitiñas, separada do mar por unha barra areosa na que se formaron praias e un sistema dunar. Pese ao recoñecido valor faunístico, botánico e xeomorfolóxico desta zona, está afectada por diversos impactos: unha pista pola superficie dunar, invasións das beiras da lagoa con múltiples construcións, recheos ilegais, verteduras de augas residuais, tendidos eléctricos... Tal e como se recollía no informe do propio CES "Estudo do litoral de Cantodorxo - Virxe das Mareas", presentado en marzo de 2006 á Delegación Provincial de Costas, ao Concello e aos medios de comunicación. Neste informe, recollíanse as seguintes melloras ambientais e paisaxísticas na zona:

-          Delimitar as marxes da lagoa para evitar que siga sendo invadida.

-          Eliminar os recheos e verteduras ilegais.

-          Retirar os tendidos eléctricos.

-          Habilitar sendas peonís e observatorios de aves na lagoa.


Estas medidas son de asumible execución, e permitirían gañar un espazo verde e de lecer para a cidadanía. Pensamos que as obras na zona para a instalación da veciña EDAR son unha boa oportunidade para acometer a recuperación da Lagoa das Estreitiñas, un humedal maltratado.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: