Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde Etiopía (1)

Estar aquí é o que fai que todo pague a pena

As mulleres sentan entre dúas casas, van comentar os avances conseguidos...María Reimóndez escribe desde Etiopía.

María Reimóndez - 09:00 12/02/2008

Ofrecémoslle a primeira das crónicas de María Reimóndez dende Etiopía

Demoras
Hai moito tempo xa que teño a teoría de que certas viaxes cómpre que demoren o seu tempo para que nos vaiamos afacendo mentalmente á distancia que nos separa dos lugares. Porén, desta vez a cousa foi un chisco excesiva. Saín de Vigo hai dous días, primeiro cara a Santiago, logo de Santiago a Madrid, onde tiven que facer noite, ben curta por certo, de só catro horas. Ao día seguinte ás cinco menos cuarto estaba xa en Barajas para rematar nun avión con atraso que me fixo perder a conexión a Addis Abeba. A seguinte conexión: ás 22.40 da noite. Decidín ver as cousas polo lado positivo, a casualidade acababa de agasallarme un día en Frankfurt, que non é tampouco sitio calquera. Percorrín o paseo do Main cara á zona vella, comín a carón da casa de Goethe e logo funa ver, rondei un pouco máis polo Römer e volvín percorrer o paseo cara á estación de tren. Pareceume un luxo inesperado que nada tiña que ver co destino final da miña viaxe: Etiopía. Así que simplemente aproveitei a oportunidade.

Aterraxe e alá imos
Cando o avión aterra son as oito da mañá e calculo que nos últimos dous días durmín unhas seis horas en total e andei polo menos quince quilómetros entre os paseos de Madrid e os de Frankfurt. Dóeme todo. Mais aquí estou. No aire fresco das alturas de Addis. No aeroporto atopo a cara contenta do Dr. Mulugeta, que tivo a ben acollerme na súa casa. As caras contentas das súas dúas fillas maiores e do fillo máis pequeno quítanme o sono mentres falamos disto e do outro e nos poñemos ao día no traballo. Despois de comer a miña intención era só ir saudar á organización coa que vou pasar estes primeiros días traballando en Addis, OPRIFS. Mais ao chegar infórmanme de que se está celebrando un curso sobre xénero e tamén que haberá unha xuntanza de intercambio de experiencias entre dous grupos de aforro... quero marchar ou asistir? A resposta está clara.

Primeira xuntanza
A familiaridade das rúas que constitúen a parte de atrás de Arat Kilo (non lonxe do luxosísimo hotel Sheraton) recíbenos primeiro con sol. As mulleres sentan entre dúas casas, preparando o café mentres agardan polas compañeiras do outro grupo, creado recentemente, e co que van comentar os avances conseguidos e a importancia de manterse unidas, de aforrar e de ir xerando entre todas un lugar e unha vida diferente. No medio da nosa conversa, comeza a chover a caldeiros e temos que entrar nunha das casas. Entre o adobe vese a choiva e o ruído no tellado de latón enxordece. Mais nós falamos.

Leccións que non dou aprendido
Cando Almash comenta que o que máis lle gustou da formación de xénero foi que entendeu que tiña que darse prioridade a si mesma, que tiña que pensar nela antes ca en ninguén, que tiña dereito e que ademais era o único garante, se ela estaba ben, de poder ocuparse de ninguén máis, non puido evitar darme a risa ante esta teoría que tento sen éxito aplicar a min mesma. Cando Almash pronunciou esas palabras deime conta de que eran xa as seis e media da tarde e eu seguía en pé, traballando. E que escoitar a choiva no tellado facíame mirar cara arriba con desconfianza. A última vez que oín un son semellante foi xusto antes de que me caese enriba un alpendre. Iso sen contar os catorce anos que levo pasando as miñas “vacacións” dun lado para outro, as horas interminables de traballo en Implicadas no Desenvolvemento, que este ano facemos dez de vida. Sei que teño que baixar un pouco o ritmo e mirar un pouco máis por min, o meu lecer e incluso de cando en vez a miña saúde pero, que podo dicir... non podo evitalo. Porque malia os tres días de viaxe, o lombo escachado e o cansazo, estar aquí é o que fai que todo pague a pena.


Ligazóns

3,61/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: