Coimbra acolle este xoves un concerto no que actuarán Miro Casabella, Leo i Arremecaghona!!!, JP Simões e José Mário Branco.
Hai quen di que Zeca Afonso foi un cantautor, respectado e cantado a esta beira do Miño case tanto como da outra banda. De feito o Grândola Vila Morena cantouse por vez primeira en directo en Compostela, nunha actuación no colexio Lasalle en 1972. Convidárao Benedicto, ao que lle unía unha estreita relación e co que compartiu escenarios en Galiza, Portugal e varios países de Europa. Mesmo púxeronlle letra (por separado) a unha canción arraiana, da que sairía a Nosa Señora da Guía de Benedicto e a Chula da Póvoa de Zeca. Cando Zeca morreu, o concerto homenaxe que se rendiu en Castrelos reuniu a vinte mil persoas durante doce horas.
Todo isto vén a conto para poñer sobre da mesa a intensísima relación que sempre uniu aos cantautores e poetas galegos e portugueses, como os que este xoves compartirán escenario no Teatro Académico Gil Vicente de Coimbra. Alí xuntaranse dous países, e dúas xeracións, catro artistas e unha soa lingua: Por unha banda, Miro Casabella, membro de Voces Ceibes e unha das voces de referencia na Transición Política, e José Mário Branco, cantor de Abril, e fundador en 1974 do Grupo de Acção Cultural, co que gravou dous álbumes.
Pola outra, os novos: O Leo i Arremecaghona!! e a súa canción de autor punk, e o portugués JP Simões, nado en Coimbra e emigrado para o Brasil, un artista polifacético que do mesmo xeito canta, que escribe ou é actor de cinema.
O espectáculo Dois Países, Uma Voz está organizado pola Plataforma Coimbra-Galiza, nacida en 2005, e ten un prezo de dez euros. Comezará ás nove da noite deste xoves. Ademais da música, poetas de ambos os dous países participarán no evento.