Chegou a rebelión asiática ao Tour de Langwaki, pero os galegos seguen manténdose, a pesar das altas temperaturas que están a soportar.
O mellor do KGZ na etapa deste domingo foi Juan Mourón, que entrou no posto 18. Mais Gustavo César Veloso segue manténdose entre os primeiros, de terceiro, ao baixar unha posición na clasificación individual xeral. Agora está a tres segundos do líder, Matthieu Sprick (Bouygues Telecom).
O galego segue a manter todas as opcións para chegar á penúltima xornada en perfectas condicións para xogar a rolda enteira, na final en alto que ofrece o percorrido.
E chegou a rebelión asiática
A terceira etapa do Tour de Langwaki gañouna Won Jae Lee (Seoul Cycling). Era a máis longa da rolda malaia, disputada sobre 209,4 quilómetros, entre Sitiawan e Banting.
Como xogan na casa, os ciclistas asiáticos están acostumados ás condicións pouco favorábeis para moitos dos europeos. De feito, na terceira xornada deste Tour, cinco corredores deste continente ocuparon as primeiras posicións, ao adiantárense en máis dun minuto ao pelotón.