Hillary Clinton anuncia a substitución da súa directora de campaña.
Obama, esta fin de semana en Virginia
O senador estadounidense Barack Obama gañou este domingo os caucus demócratas no estado de Maine. Culmina deste xeito unha exitosa fin de semana tras gañar o sábado nos de Nebraska, Louisiana, Washington e Illas Virxes.
Obama conseguiu a vitoria co 58% dos votos, fronte ao 41% da súa rival, Hillary Clinton, que partía como favorita nos caucus de Maine. Precisamente, a senadora por Nova York anunciou a reorganización do seu equipo e a substitución de Patti Solis Doyle como directora de campaña.
Este martes son as primarias en Potomac, na capital, e nos estados de Virginia e Maryland, onde Obama podería recortar aínda máis a distancia con Clinton no número de posíbeis votos favorábeis.
O primeiro acumula 918 delegados por 885 da ex primeira dama, que lidera aínda a carreira pola presidencia tendo en conta os superdelegados -que non teñen comprometido o seu voto na convención demócrata. Isto equivale a un total de 1.108 votos para Clinton por 1.049 para Obama.
En total cómpren 2.025 delegados para conseguir o nomeamento demócrata, que se decidirá a finais de agosto, en Denver.