O voceiro nacional do BNG contrapón a "claridade e transparencia democrática" da súa formación á ausencia de resposta de PSOE e PP sobre a reforma do voto emigrante ou os debates convocados na Galega.
"Moitos galegos teñen como obxectivo o 9 de marzo pararlle os pés ao PP", reflexionou o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana durante a súa intervención este sábado nun acto político no Porriño, e engadindo ao fío que "a mellor ferramenta política para este obxectivo é o BNG".
Quintana salientou que apoiar o BNG é "o único xeito de que Galiza sexa decisiva en Madrid" e reiterou que "canto máis BNG haxa en Madrid máis posibilidades de benestar existirán para os galegos". Ademais, aproveitou para volver pedirlle a PP e PSOE que respondan á proposta do BNG sobre a reforma do voto emigrante así como que acudan aos debates convocados na televisión publica galega "como fixo e fará sempre o BNG".
Decálogo poselectoral
Pola súa parte, a cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra, Olaia Fernández Dávila, asegurou que nunha situación sen maiorías absolutas despois do 9 de marzo o BNG "porá enriba da mesa de negociación un decálogo coas dez condicións" para unha negociación poselectoral". "Nesas dez condicións aparece a palabra Galiza dez veces", subliñou Davila.
Sinalou ademais que a presenza do BNG no Congreso é relevante para o "avance cara a un estado plurinacional e o impulso do autogoberno en Galiza con transferencias como o salvamento marítimo ou o tráfico" así como para "garantir que o país reciba dos presupostos do Estado o 8% da inversión total", a volta de Navantia-Fene á construción naval civil e o incremento de ata 6.500 megavatios da capacidade produtiva do sector eólico, sen esquecer a renegociación da cota láctea.
Crítica aos "baixos institintos"
O candidato do BNG ao Congreso pola provincia d'A Coruña, Francisco Jorquera, cualificou hoxe de "tremendamente irresponsábel" ao Partido Popular por "axitar os baixos instintos contra os inmigrantes para pescar votos". Jorquera, que participou nun acto de precampaña en Padrón, denunciou que "a estratexia do PP, como principal partido da oposición, pretende "pescar votos axitando os baixos instintos das persoas" ao identificar "inmigrantes con delincuencia". Neste sentido, Jorquera recordou que Galiza "comprende ben o drama das persoas que teñen que deixar os seus fogares para buscar unha vida mellor noutros países".