Entre Mácara e Ramil (Ulloa) desenvolverase esta cita ineludíbel para os canoístas e para os detractores das minicentrais e defensores da biodiversidade do río.
Un ano máis as Torrentes do Alto Ulla, máis coñecidas como Torrentes de Mácara-Ramil, acollerán a IV Copa Galega de Kaiak, na que se han xuntar canoístas galegas, de toda a península a dalgúns lugares de Europa.
A competición, organizada, un ano máis, pola Federación Galega de Canoaxe e a Plataforma Social pola Defensa do Alto Ulla, comezará ás 11:00 horas do sábado coas probas clasificatorias (descenso do Cachón das Pesqueiras), e terminará o día a seguir, antes da hora de xantar. Despois haberá unha comida de confraternidade e xogos populares para todo o mundo.
Os premios van dos 1.000 euros que gaña o mellor dos canoístas masculinos, aos 60 que leva o sexto clasificado. As mulleres cobrarán xusto a metade que os homes, e só teñen o dereito a tres premios: o primeiro (500 euros), o segundo (250 euros) e o terceiro (100 euros).
No cartel de aquí ao lado pódese ver a un dos mellores canoístas do mundo, Edu Etxeberria (Especialista en Augas Bravas do programa de TVE Al filo de lo imposible), baixando un dos saltos máis espectaculares coa pa nunha man e a cámara de fotos noutra.
Se queredes máis información (horarios, transporte, inscricións...), haina aquí.