A cámara sonda "Mars Express" recolle as primeiras imaxes tridimensionais do planeta vermello.
Outra vista do crater Terby
A Axencia Espacial Europea (ESA) anunciou que, grazas a unha cámara estéreo de alta resolución, incorporada á sonda "Mars Express" por fin poderemos ter documentos visuais de Marte en tres dimensións. A primeira reprodución do planeta vai permitir que os investigadores poidan acceder aos novos datos a través da Internet, e con isto coñecer mellor a súa superficie.
Coas imaxes planas dispoñíbeis até agora, non se podía apreciar a topografía do planeta e as súas elevacións, mais a partir deste momento poderase coñecer de xeito instantáneo a inclinación dunha determinada zona ou altura dun precipicio, seguir os movementos da lava ou as fisuras do chan, datos esenciais para entender como se moven a auga e a lava no planeta vermello.
A cámara que recolle as imaxes viaxa a bordo da "Mars Express", e foi especialmente deseñada para obter este tipo de información, e despois de anos procesando, en breve faranse públicas as imaxes dunha grande parte da superficie de Marte. O equipo conta con seguir reunindo imaxes até completar un mapa tridimensional de todo o planeta en 2009.