Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Contra "os modelos industriais e económicos da época franquista"

Medran as protestas contra o posíbel traslado de Ence ás Pontes

A asociación ecoloxista Verdegaia critica a actitude do conselleiro de Medio Ambiente e do alcalde das Pontes, que deron o visto e prace ao posíbel traslado da papeleira a este concello.

Redacción - 11:50 07/02/2008

Verdegaia emitiu esta quinta feira unha nota na que se opón "rotundamente ao traslado da planta de Ence-Elnosa dende Pontevedra ás Pontes, por tratarse dunha industria altamente contaminante que ademais xa foi condenada por delito ecolóxico". Para a asociación ecoloxista, este tipo de industrias non teñen cabida en Galiza, nunha política de desenvolvemento substentábel, e como única saída posíbel que lle ven á situación é o peche definitivo da papeleira.

Pola contra, quen non o ve así é o alcalde das Pontes, Valentín González (PSdeG), quen reclamou a celulosa para o seu concello hai apenas un mes, actitude que critica Verdegaia, ao parecerlle un "exercicio de irresponsabilidade ética e política".

Tamén é criticada a disposición do conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez (PSdeG), quen afirmou en varias ocasión que a planta debe ficar en Galiza. Isto é unha contradición para Verdegaia, posto que, segundo os ecoloxistas, o cometido do conselleiro non é propoñer emprazamentos alternativos á papeleira, senón "avogar polo peche definitivo da planta, posto que ten unha condena xudicial por contaminación das augas e o aire".

Os argumentos de Vázquez
Os ecoloxistas critican tamén a argumentación que o conselleiro fai do posíbel traslado, tales como a abundancia de auga ("cando agora mesmo o caudal ecolóxico do río Eume está ameazado pola explotación que fai Endesa", lembran, alén do "disparatado proxecto da creación dun lago artificial no furado mina de lignito"); ou a situación das Pontes, moi próxima á zona de produción de madeira de eucalipto (argumento co que, segundo os ecoloxistas, parece que o conselleiro "fai defensa dunha política forestal que favorece o cultivo de especies exóticas en detrimento das especies autóctonas").

Para Verdegaia, Vázquez debera "negarse en rotundo á resituación en Galiza dunha industria contaminante como Ence-Elnosa" e "deixar de xogar a ser Deus", ao decidir "sen consultar con ninguén cal vai ser a vindeira comarca que vai ser arrasada ambientalmente" pola papeleira.

A seguir, o grupo ecoloxista ofrece o seu apoio á poboación das Pontes que se opoña ao traslado de Ence, unha empresa que, segundo din, "incumpre a lexislación autonómica, a lexislación estatal e a lexislación comunitaria en materia de contaminación" e que foi quen "de matar por si soa o ecosistema e a riqueza marisqueira da ría de Pontevedra".


4,71/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: