Colectivos conservadores e o propio goberno de UPN en Nafarroa fan presión para que a Universidade de Stanford lle retire o convite ao lehendakari.
"Sopra o vento da liberdade" é o título do manifesto da contracampaña iniciada en apoio da presenza do lehendakari Juan José Ibarretxe nun acto académico a celebrar na estadounidense Stanford University o próximo 14 de febreiro. "Os cidadáns que apoiamos esta petición queremos manifestar a nosa máis profunda repulsa ao intento de coartar a liberdade de expresión do máximo representante da vontade popular dos vascos", sostén o documento adxunto á iniciativa "Gure erakundeen alde – En defensa das nosas institucións", xurdida na rede para a recollida de sinaturas en favor do acto.
Os promotores desta contracampaña solicítanlle á institución universitaria estadounidense que non ceda "á chantaxe de grupos que pretenden atentar contra a liberdade de expresión" e que fagan valer os principios que inspiraron a fundación da propia institución "derivados dos inalienábeis dereitos dos homes na vida, a liberdade e a procura da felicidade".
A campaña fronte á que xurde ese movemento fora comezada polo espazo ultraconservador Hazteoir.org e apoiado por outros colectivos como o Foro de Ermua. Os promotores do intento de boicot aseguran e así llo queren trasladar a Stanford que Ibarretxe comparte as teses da ETA. Paradoxalmente, o propio goberno de Nafarroa, nas mans de UPN, uniu a súa sinatura a esa campaña e o conselleiro de Relacións Institucionais, Alberto Catalán envioulle á institución unha carta onde asegura temer que na intervención de Ibarretxe vaise "falsear e terxiversar a realidade social, política e institucional de Nafarroa".
A Universidade de Stanford confirmou este mércores que a conferencia de Ibarretxe mantense na axenda de actos académicos.