Os responsábeis de política lingüística dos tres países asinarán este venres a 'Declaración de París' no marco do salón Expolangues.
En decembro asináronse as declaracións de Compostela e de San Mamés, co obxectivo de impulsar accións conxuntas e cooperativas dende as institucións políticas dos tres países para fomentar a súa cultura e deporte. Agora os gobernos de Galiza, Euskadi e Cataluña dispóñense a aprobar un protocolo de colaboración en materia lingüística, co obxectivo de fomentar o plurilingüísmo no Estado Español.
Este venres, no marco do salón Expolangues sobre linguas, cultura e intercambio internacional, os responsábeis de política lingüística de Cataluña, Bernat Joan (ERC), de Euskadi, Patxi Baztarrika (PNV) e Galiza, Marisol López (PSOE), asinarán a Declaración de París pola pluralidade lingüística. A sinatura prodúcese ademais no marco do Ano Internacional das Linguas.
O pasado mes de marzo os tres representantes políticos asinaron en Bilbao un protocolo xeral de política lingüística por un período de tres anos, revisábel e adaptábel cada ano. O protocolo definiu un marco de colaboracións estábeis e permanentes en materia lingüística permitirá intercambiar e contrastar experiencias, e impulsar proxectos e actuacións conxuntos. En maio os tres gobernos asinaron un novo acordo de colaboración, nesta ocasión no Congreso dos Deputados, no que animaban ás institucións do Estado a darlles ao catalán, ao éuscaro e ao galego un trato máis xusto, lembrando que o 40% da poboación estatal vive nunha comunidade con lingua propia diferente do castelán.
Expolangues
Espérase que máis de 25 mil persoas visiten Expolangues, onde están representados máis de vinte países, ao redor de sesenta linguas e máis de douscentos expositores. No espazo instalado por Galiza, a Secretaría Xeral de Política Lingüística impartirá clases de galego e sorteará unha bolsa para pasar unha tempada no noso país co obxectivo de aprender a lingua.