Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'ÓPTICAS CRUZADAS'

Cineastas galegos e cubanos realizarán catro proxectos conxuntos

Os traballos proxectaranse na Habana, xunto con outras producións audiovisuais de ambos os dous países.

Redacción - 11:47 06/02/2008

Opticas Cruzadas é un proxecto de colaboración entre oito cineastas galegos e cubanos, que nos últimos meses realizaron catro pezas de xeito conxunto. Os traballos proxectaranse nas vindeiras semanas na Habana, pero Ópticas Cruzadas (coordinado por Comba Campoy) non se concibe como un feito illado; debe servir como punto de partida para novas colaboracións entre os oito cineastas, e en xeral entre o sistema audiovisual galego e o cubano.

Margarita Ledo
e Belkis Vega colaboraron nunha peza documental. O feito de que a nai de Ledo nacera en Cienfuegos foi o punto de partida empregado para o desenvolvemento dunha historia construída a xeito de de correspondencia cinematográfica. Pola súa banda, Alberte Pagán e Eduardo Moltó traballaron nunha peza experimental. Moltó é artista plástico pero moi pronto se interesou polo audiovisual como soporte para a súa obra. Ten un recoñecido prestixio na Illa e a súa obra ten viaxado ao estranxeiro en numerosas ocasións. O punto de partida do filme será a captación dun día da vida cotiá na Habana (Moltó) e nunha vila galega (Pagán), montados de xeito visualmente inusual.

Mentres, Cora Peña e Ernesto Daranas realizaron unha peza de ficción, unha historia de amor coa emigración como obstáculo, onde unha neta descobre por unha carta sen enviar que o seu avó deixou un gran amor na Galiza. Finalmente, Mario Iglesias e Natasha Vázquez lanzáronse a facer un filme de ficción documental, no que a ollada dun galego tenta captar a vida dunha pequena vila do interior de Cuba; a súa correspondente cubana, a documentalista Natasha Vázquez, reflexiona pola súa parte sobre ese proceso polo cal o director galego transforma o día a día desa comunidade nun universo de realismo máxico.

Programa audiovisual de Galiza na Habana
14 de febreiro, Centro Hispanoamericano de Cultura
Mesa redonda: "Documental e memorica histórica". Intevirán: Margarita Ledo e Belkis Vega.

15 de febreiro, Centro Hispanoamericano de Cultura
Mesa redonda: "Video creación galega e cubana: Historia e perspectivas". Intervirán Alberte Pagán, Luisa Marisy e o video creador Eduardo Moltó.

16 de febreiro. Cine La Infanta
Proxección de Liste, pronunciado Lister, de Margarita Ledo e da curta documental realizada por ela mesma e a directora cubana Belkis Vega.

17 de febreiro, Cine La Infanta
Proxección de A Mariñeira, de Antón Dobao.

18 de febreiro, Cine La Infanta
Proxección de De Profundis, de Miguelanxo Prado.

20 de febreiro, Cine La Infanta
Proxección de El menor de los males, de Antonio Hernández. Longametraxe de suspense, unha crítica á dobre moral propia da actual sociedade de consumo capitalista.

21 de febreiro, Centro Hispanoamericano de Cultura
Mesa redonda: "Cine comunitario ou cine probre: Unha alternativa a Hollywood?". Intervirán Mario Iglesias, Sergio Benvenuto (director do Festival de Cine Pobre de Gibara) e Marilyn Soraya, directora de programación do Centro Hispanoamericano.

22 de febreiro, Centro Hispanoamericano de Cultura
Presentación da curta de ficción producida por Cora Peña e Ernesto Daranas

23 de febreiro, Cine La Infanta
Estrea do filmes realizados por Mario Iglesias e Natasha Vázquez. A continuación proxectarase a longametraxe De Bares, de Mario Iglesias


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: