Este mércores proxéctase a partir das dez da noite 'Titicut Follies', un documentario realizado en 1967 e prohibido nos Estados Unidos durante 25 anos.
Titicut Follies é considerada unha das pezas mestras do cinema directo na súa vertente do documentario. O filme amosa a vida dos ocupantes da institución, algúns deles catatónicos, encerrados nas súas celas, lavados só de cando en vez cunha manga e alimentados forzosamente. Aínda que financiado polos propios poderes públicos, o filme deixa ver tamén a indiferencia das autoridades da institución, reforzada polo uso dunha forte fotografía en branco e negro.
Despois da súa filmación, Titicut Follies foi prohibida nos EUA para calquera tipo de exhibición, fóra dos ámbitos educativos, até 1992. Daquela, non se permitiu a súa estrea, coa excusa de que, ao ter sido rodada dentro dun hospital, vulneraba o dereito dos pacientes á propia imaxe. O seu director, Frederik Wiseman, pola súa banda, sinala que recibiu o permiso para a filmación de todas as persoas que aparecen ou, no seu caso, do seu tutor legal, e apunta que tras a prohibición do filme pode estar o interese do goberno estatal en invisibilizar un filme que non deixa unha imaxe moi beneficiosa dunha institución pública.
O Cineclube de Compostela (Centro Social O Pichel, Santa Clara 21) inicia con esta proxección un novo ciclo, desta volta dedicado ao tratamento das institucións mentais no cinema, e que terá continuidade nas vindeiras semanas.