Obama e Clinton chegan empatados nas enquisas, ao contrario que Romney e McCain, que podería decidir a carreira republicana.
Chega á fin o tan agardado Super Martes nas primarias norteamericana, o día no que practicamente a metade dos estados deciden os seus delegados para as convencións demócrata e republicana. Un Super Martes, con todo, que no lado demócrata seguramente non decidirá nada, ou iso apuntan as enquisas, que nestes momentos anuncian un empate entre Hillary Clinton e Barack Obama (catro puntos arriba para ella segundo Gallup, tres arriba para el segundo a CNN). Un empate, porén, que parecía pouco probábel hai tan só unhas semanas, e case imposíbel hai uns meses.
Pero Obama está nestes intres na onda gañadora, no chamado momentum, despois da súa esmagadora vitoria en Carolina do Sur e de ter recibido o apoio da familia Kennedy. Haberá que observar, ademais o efecto da retirada de John Edwards da carreira pola candidatura. Parece (así se intúe nas enquisas) que os votos de Edwards, quizais o candidato máis progresista entre os demócratas, están caendo do lado de Obama, cuxo discurso, encabezado polos lemas de yes, we can e a chamada á esperanza (hope) está ilusionando principalmente ao electorado máis novo, o que ten menos de corenta anos.
Segundo as enquisas máis recentes, Obama ten a vitoria case asegurada en Utah, Kansas, Illinois, Idaho, Georgia e Novo México. Mentres, Clinton domina con claridade en Tennesee, Nova York, Massachusetts, Arkansas e Minnesota. Finalmente, están empatados en Alabama, Arizona, Nova Jersey, Missouri, Delaware, Connectica e California. É precisamente California o gran cabalo de batalla desta noite, xunto cos tamén moi poboados estados de Nova York e Illinois.
McCain pode decidir a carreira republicana
Fálase moito do Super Martes demócrata, pero son primarias republicanas as que poderían ficar case decididas esta noite. McCain supera con moita claridade a Romney nas enquisas (45% a 25% na última sondaxe de Gallup), despois de ter recollido os votos de Giuliani, e parece que aproveitará o sistema maioritario empregado no partido republicano, no que o candidato máis votado en cada estado leva todos os seus delegados. O terceiro en loita, o pastor evanxelista Huckabee (17-18% nas enquisas), mantense na pelexa debido ao seu dominio en varios estados do medio oeste e do sur, como Arkansas ou Alabama, mais carece de opcións.
Así pois, se como parece McCain faise con estados clave como Nova York, Illinois ou California (e á espera do que suceda en Massachusetts, onde o ex goberrnador Rommney é favorito), Estados Unidos podería amencer o mércores cun candidato republicano á presidencia.
Segundo as enquisas da última semana, McCain domina en Arizona, Connectica, Delaware, Illinois, Minnesota, Nova Jersey, Novo México e Nova York. Mentres, Romney gaña en Colorado, Idaho, Utah e Massachusetts. E Huckabee faino en Arkansas. Alabama e Oklahoma rexistran un empate entre McCain e Huckabee; e os tres candidatos chegan practicamente igualados en Georgia, Tennesee, Kansas e Missouri. As sondaxes en California marcan un empate total entre McCain e Romney, que necesita gañar no estado máis poboado do país para seguir na carreira.