Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O BNG propuxera modificacións

Pesca é inflexíbel sobre o Plan Acuícola

O PPdeG aproveita para pedir que se retire o proxecto actual e se recupere ao anterior.

Redacción - 09:00 05/02/2008

O voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, aproveitou os "criterios distintos" manifestados este luns polos grupos do BNG e PSdeG sobre o Plan Acuícola para insistir na que consideran "única proposta sensata", que na opinión dos populares sería a recuperación do "Plan de Parques de Tecnoloxía Alimentaria", deseñado polo executivo que lideraba Manuel Fraga. Despois de que o PSdeG non apoiase a proposta dos nacionalistas dunha iniciativa conxunta para modificar o plan, os populares invitaron ao BNG a que rexistren eles unha no Parlamento para anulalo ou que voten a favor de propostas similares xa rexistradas na Cámara polo PP.

Ao respecto, o voceiro do grupo parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, sostén que o Plan de Acuicultura "ten o aval de todo o Goberno" e subliña que os socialistas non atenderán "ningunha manobra derivada do nerviosismo electoral, para poñer en cuestión un Plan, que supón situar a Galicia coma un dos principais referentes de Europa en materia de Acuicultura".

O BNG mantén na mesa a súa proposta de modificación conxunta do Plan. O voceiro do Bloque no Parlamento, Carlos Aymerich, indicou que "é de sentido común parar e repensar un proxecto que está a levar tanta contestación social na Costa da Morte". A iniciativa dos nacionalistas pide que non se constrúan as piscifactorías de Seiruga, no concello de Malpica; a de Camelle, entre Vimianzo e Camariñas; e a de Merexo, en Muxía. Recordan desde o BNG que a executiva comarcal do PSdeG de Bergantiños é contraria á planta de Seiruga e convidan a dirección socialista a atender esas demandas. No entanto, desde a Consellaría de Pesca non manexan a posibilidade de realizar ningunha modificación sobre o plan actual.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: