Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Pablo Cimadevila, nadador parolímpico

"Nós tamén somos Deportistas Galegos de Alto Nivel"

Naceu en Pontevedra hai 29 anos e é un dos mellores nadadores con discapacidade do mundo. Falou con Vieiros das dificultades ás que se enfronta para no día a día: traballar, nadar e seguir competindo.

Antía Rodríguez - 09:30 10/02/2008
Pablo Cimadevila

Pablo Cimadevila

Aos catro anos atropelouno un automóbil xusto a carón da súa casa, deixouno moi danado e perdeu a mobilidade das pernas mais, comezou de seguida unha rehabilitación que lle facía pasar horas na auga, aprendendo a flotar. De flotar pasou a nadar e en pouco tempo comezou a facer parte dun equipo de natación na súa cidade, Pontevedra.

Di que sempre conta a mesma anécdota: cando tiña 12 anos, chamárono á casa para que entrase a formar parte do CN Pontevedra, despois de saber dos seus progresos na piscina. "Púñanche un cabaliño de mar dunha cor se sabías nadar a braza, outro doutra cor se sabías a croll, ou de costas... e se sabías nadar aos catro estilos, púñanche un cabaliño negro; eu tiña ese. Por iso chamaron á casa, mais cando me viron na cadeira de rodas ficaron abraiados". Daquela, entrou no equipo e comezou a competir.

Hoxe en día é un dos mellores nadadores parolímpicos do mundo, sobre todo na súa especialidade, os 200 metros estilos; aínda que tamén lle dá aos relevos, aos 400 metros libres...

Xunto con Chano Rodríguez fai parte do equipo parolímpico español e xa está a preparar, a carón do vigués (comparten adestrador), os XXOO de Beixín 2008, onde esperan bater novas marcas.

Os seus logros deportivos
En 1998 erixiuse Campión do Mundo en 4x50 estilos, e conseguiu a prata nos 400 libres en Nova Zelandia. O ano a seguir bateu a marca mundial (3,13,90) na proba de 200 metros estilos, no Campionato de Europa, en Alemaña. Dende aquela altura os 200 m. pasarían a ser da súa propiedade.

Nos Xogos Olímpicos de Sidney 2000 gañou a medalla de ouro nos 200 estilos, batendo a marca mundial: (3,08,35). Despois dun tempo de descanso (sen apenas patrocinios que lle axudasen a seguir), Cimadevila conseguiu a medalla de bronce nos 4x50 estilos en Atenas 2004. Na actualidade prepara Beixín 2008.

Da súa vida e do que ten conseguido en todo este tempo falamos con el.

Vieiros: Sabemos como comezou a nadar, pero como empezou a competir?

Pablo Cimadevila: Comecei a competir aos 11 anos, en Ferrol, co CN Pontevedra. Ao ano e medio xa era tiña a medalla de bronce do campionato absoluto, cousa que me animou a continuar. Aos 12 anos xa fun seleccionado co combinado español de promesas, e quedei terceiro nos 200 metros estilos, a miña especialidade, mais competindo por primeira vez con xente da miña idade (antes sempre competía con xente maior, pero desta volta os meus rivais tiñan entre 14 e 12 anos).

Logo continuei coa selección española, até que no 98 veu a mellor marca do mundo.

No verán de 2006 tentou cruzar o Canal da Mancha, só... como manda a tradición (cun barco a carón, que non pode axudar nada, só dar de comer e beber); mais ao final conseguiu nadar 28 dos 33 quilómetros, sen descanso. Como foi a experiencia? Volverá repetir?

Era unha travesía importante, pero como di un amigo meu, "se toda esa auga quere ir en dirección contraria, ti nada podes facer". Non é como nadar nunha piscina; por moito que tires, non consegues avanzar, sénteste moi pequeno. É cuestión das mareas, que mudan cada seis horas; a partir desas seis horas, todo comeza a ir na túa contra. Ademais a auga estaba a 14 graos, e comezaba a se facer de noite... non houbo xeito. En canto a do repetir, despois de Beixín xa se verá.

Ademais de nadar, vostede dedícase ao deseño de xoias; é dicir, ten que adestrar só o tempo que lle deixa libre o seu traballo. Pensa que aínda falta moito para que as axudas aos deportistas con discapacidade se igualen ás dos sen discapacidade? Que aínda falta moito para que se teñen que dedicar só a adestrar e a competir como o resto de deportistas de elite?
Eu recibo varias axudas, pero nunca se igualaban ás que reciben os deportistas de elite sen discapacidade. Este ano a Dirección Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, deu o paso e igualou as nosas axudas ás do resto de Deportistas Galegos de Alto Nivel (DGAN)... e é que nós tamén somos DGAN! Antes estabamos, dentro do baremo de axudas, no número 4 (van do 1 ao 4), cos deportistas que "fan algo excepcional", como por exemplo os montañeiros, e dábanche unha subvención que ía mudando segundo os teus resultados deportivos dese ano.

Agora subimos ao nivel 1, (só por estar incluídos no plan ADOP, coma min, ou no ADO xa se entraba). Neste nivel están deportistas como por exemplo Gómez Noya, e todos os que van a Beixín este ano. Este foi o gran cambio deste ano, e danos sobre 8 mil euros. E a verdade é que o merecíamos, porque os resultados están aí, e eu sigo nadando, todos os días, das 15:30 ás 22:00 horas.

Como xa dixen, tamén recibo axudas do plan ADOP (uns 12 mil euros ao ano, que se reparten entre o adestrador, o material deportivo... e eu mesmo), que comezou a dar bolsas en 2004, a partir dos resultados obtidos en Atenas. A cantidade de diñeiro da bolsa vai mudando segundo os resultados que se consigan os anos anteriores; as medallas que vaias acumulando. Aquí aínda non estamos equiparados ao resto de deportistas, segundo os nosos logros, posto que só por estar no máximo nivel do plan ADO pódense chegar a recibir preto dos 90 mil euros, que é o que recibe, por exemplo, xente como David Cal.

Tamén hai outra bolsa, a chamada Amigo Parolímpico, polo que se consegue o patrocinio dunha empresa da túa provincia, no meu caso Rianxeira.

Mais, a pesar de que eu e moita xente aínda temos que traballar para poder manternos, e outros só se dedican a adestrar, a cousa mellorou moito. Eu sigo grazas aos patrocinadores, e o noso traballo é recoñecido, mesmo antes pola sociedade que polos políticos.

Noutros países non pasa así; por exemplo, en Suecia Anders Olsson está recoñecido mesmo pola Coroa do país como mellor deportista. E noutros lugares como Canadá ou Australia os parolímpicos son apoiados polos gobernos. Aquí non pasa igual. Temos que buscarnos a vida e facer como David Meca, espectáculos. Ningún deportista discapacitado pode vivir hoxe da natación no Estado Español.

Como está adestrando para Beixín 2008?

Estamos adestrando, polo de agora, pola tarde, até as dez da noite. As mañás dedícoas ao traballo. Normalmente é nos últimos tres meses antes das Olimpiadas cando poño a un lado o traballo e me dedico exclusivamente a adestrar. Estes son os meus terceiros xogos, e sei que a xente ha tentar dalo todo. Como é o único momento no ano en que nos fan caso aos deportistas con discapacidade, a xente aproveita para estar ao cento por cento.

En canto ao meu estado de forma, penso que ao mellor xa debera ter comezado coa dupla sesión, mais para non chegar moi queimado, o mellor é ir pouquiño a pouco, porque primeiro tes que facer unha base física para poder aguantar todo o demais. Agora mesmo adestro co meu clube, o Galaico, na piscina de Pontemuíños, a única de Galiza que é olímpica.

E cales serían os seus principais atrancos para conseguir o ouro nos 200 metros estilos?
Se cadra o posuidor da mellor marca do mundo, o brasileiro Daniel Dias; ou o chinés Juan Je, que tiña a mellor marca mundial e ten a mellor paralímpica. As opcións máis claras téñoas en 200 metros estilo, mais tamén hai posibilidades en relevos ou en 100 metros braza...


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Na súa cadeira de rodas, en Raxo (Pontevedra)
Na súa cadeira de rodas, en Raxo (Pontevedra)
En competición
En competición
Con Chano Piñeiro, en Atenas 2004
Con Chano Piñeiro, en Atenas 2004
Na piscina
Na piscina
De costas
De costas
En Maryland, onde conseguiu a comezos de decembro o pasaporte para Beixín
En Maryland, onde conseguiu a comezos de decembro o pasaporte para Beixín