Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Milleiros de persoas foxen do país

O goberno do Chad mantén o control na capital

As tropas rebeldes retíranse de N'Djamena. O executivo insiste en que Sudán colaborou co levantamento militar.

Redacción - 14:00 04/02/2008

"Eses mercenarios a soldo de Sudán foron dispersados", asegurou o ministro do Interior do Chad, Ahmat Mahamat Bachir, informando de que o exército expulsara as tropas rebeldes da capital do país. Mentres, Abderramanne Koullamala, voceiro dos rebeldes, facía outra interpretación e cualificaba a última hora da situación como "retirada táctica" para unirse aos reforzos chegados do leste coa fin de iniciar unha nova ofensiva.

Comunicaron ademais que se trataría de darlle tempo á poboación civil para deixar a cidade, malia que de xeito paralelo, colectivos que traballan en labores de axuda humanitaria informaron da presenza en N'Djamena de ducias de cadáveres nas rúas e hospitais cheos de feridos.

Ao tempo, o ministro de Enerxía cualificou de "acción de guerra" a presunta participación de avións sudaneses no ataque á localización fronteiriza de Adre. Nesa zona viven arredor de 400 mil refuxiados chegados de Darfur e é nesta área onde se prevía o despregue da forza internacional liderada por Francia para protexer os desprazados e axudar nas tarefas humanitarias.

Francia cavila intervir no conflito
En declaracións ao xornal Le Figaro, o ministro francés de Defensa, Hervé Morin, expresou a disposición do seu goberno a intervir para asegurar " a integridade do país" e do seu "goberno lexítimo", aínda que sempre no marco da autorización ou ben das Nacións Unidas ou da Unión Africana.

Recomendámoslles ampliar en Radio France Internationale e Al Iasira.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: