ADEGA ven de saber que o Ministerio de Medio Ambiente, através da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pretende autorizar un ENSAIO MASIVO con cultivos do millo transxénico en varias zonas do estado, incluindo Galiza. Trátase de avaliar o risco da liberación no ambiente dun híbrido derivado do cruce de dúas liñas de millo modificadas xeneticamente (NK603 x MON 810), pertencentes á empresa Monsanto Agricultura España, S.L. ADEGA demanda das consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente que non autoricen ensaios con plantas transxénicas no ambiente e solicita do Parlamento que declare a Galiza, tal como aconteceu cos refugallos nucleares, territorio libre de cultivos transxénicos.
Ao parecer, estes ensaios vanse desenvolver nas comunidades de Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha, Castela-León, Extremadura, Navarra e Galiza, concretamente en dúas localidades da Coruña (Val do Dubra e Touro) e unha en Lugo (Castro de Rei).
O obxectivo destes ensaios é "colleitar" datos sobre o comportamento agronómico de variedades do millo transxénico NK603 x MON810, para a súa inscrición no Rexistro Español de Variedades Comerciais. Concretamente realizaranse varios tipos de ensaios, tanto de Identificación, para describir as características destes híbridos como de Valor Agronómico, para avaliar o comportamiento dos híbridos en distintas áreas xeográficas.
España es o único estado da Unión Europea que cultiva transxénicos a grande escala. En 2007 foron prantadas unhas 75.000 hectáreas de millo modificado con xenes de bacterias. O millo NK603 contén o xene cp4epsps (da bacteria Agrobacterium sp.) que o fai tolerante ao herbicida glifosato; e a variedade MON810 porta o xene cry1Ab (da bacteria Bacillus thuringiensis), que lle confere resistencia fronte a certos insectos.
Polo que atinxe á presenza destes produtos ou os seus derivados nos alimentos, a lexislación obriga a que se un alimento contén transxénicos, esta información figure na etiqueta. No entanto, tolérase unha contaminación de até un 0,9% en cada ingrediente sen que o consumidor teña que ser informado. Na prática, os transxénicos xa están presentes na nosa dieta sen que poidamos evitalo. Impidamos cando menos que se cultiven na nosa terra!
OS RISCOS DOS PRODUTOS TRANSXÉNICOS
Riscos de carácter socio-económico
- Os alimentos transxénicos representan un paso máis no control polas multinacionais da produción e comercialización dos produtos agrarios: as variedades transxénicas están protexidas por patentes e non se pode utilizar a semente que se obtén delas.
- Moitas das variedades baséanse na resistencia a herbicidas, que haberán de ser intensivamente utilizados nos seus cultivos. Ademais contribúen á perda das variedades tradicionais das que dependen a maioría do campesinado do "Terceiro Mundo".
- Os cultivos transxénicos benefician aos países ricos en detrimento dos pobres, e dentro dos primeiros, aos produtores industriais respecto dos que practican unha agricultura máis tradicional, que se verán obrigados a abandonar as explotacións.
Riscos de impactos sobre o medio ambienteEn xeral, pode verse afectada negativamente a biodiversidade actual e os procesos ecolóxicos.
- Aceléranse os fenómenos de resistencia a herbicidas e pesticidas.
- Das plantas transxénicas existen variedades silvestres ou cultivadas coas que se poden cruzar, ás que poderían pasar a resistencia ó herbicida ou calqueroutra característica (a polinización cruzada pode acadar distancias de quilómetros).
- As propias plantas transxénicas poderían concertirse en invasoras, en "malas herbas" de cultivos próximos.
- A toxina producida por plantas transxénicas contra determinada plaga de insectos podería afectar a outros insectos beneficiosos (o millo Bt, resistente ó "taladro" provocou a morte de bolboretas Monarca).
- Poderían aparecer novas enfermidades ou incremento da virulencia e agresividade nos patóxenos a partir de plantas transxénicas resistentes a virus.
Riscos para a saúde- Poderían darse alerxias ás moléculas novas que producen as plantas transxénicas.
- As plantas transxénicas poden conter substancias que resulten tóxicas aínda en cantidades moi pequenas, ben por presenza nelas de restos de herbicidas, ben por secrecións en resposta aos herbicidas ou por outras moitas causas.
- A algunhas das plantas introdúcenselles xenes de resistencia a antibióticos o que contribúe ao aumento da resistencia de bacterias patóxenas a estes antibióticos, e portanto, á dificultade para atacar enfermidades infecciosas (o millo Bt de Novartis, cultivado no Estado español, ten un xene de resistencia a ampicilina, antibiótico usado comunmente en medicina veterinaria).