No domingo a Federación Galega de Piragüismo repetía as eleccións internas. Valledor superou por tres votos a Bea, que volveu denunciar trampas no sistema de voto.
Logo da Fegapi
Modesto Valledor volveu saír o domingo escollido como presidente da Federación Galega de Piragüismo, sacando catro votos máis que o seu rival, o palista Alfredo Bea.
Valledor foi escollido na repetición parcial das eleccións, á que fora obrigada a Fegapi polo Comité Galego de Xustiza Deportiva (CGXD) e a Dirección Xeral para o Deporte, despois de que o outro candidato a presidente, Alfredo Bea, denunciase "supostas irregularidades" (falouse daquela dun presunto falseamento de licenzas que permitiu participar a clubes que non tiñan dereito, e deixar fóra a outros que apoiban a Bea), nas primeiras votacións, en decembro de 2007.
O domingo os membros da Fegapi xuntáronse no Colexio Maior de Fonseca, en Compostela, e repetiron, de xeito parcial, as eleccións á súa xunta directiva, mais, desta volta, Valledor volveu gañar, co apoio de 42 votos, polos 38 que conseguiu Bea. As cousas cambiaron abondo dende as últimas eleccións, desenvolvidas en marzo do ano pasado, nas que Valledor conseguía 64 votos, e Bea só 8.
Ao terminar o reconto Valledor salientou que "foi unha vitoria para o piragüismo galego", aínda que admitiu que fora moi escasa.
"Mexan por nós e temos que dicir que chove"
Bea, pola contra, non as tiña todas consigo, e aínda que non se pronunciou directamente sobre unha futura impugnación, lembrou que as irregularidades seguen a medrar no seo da Fegapi ("agora mexan por nós e temos que dicir que Chove", dixo) posto que clubes coma o Breogán, con 150 deportistas nin sequera tiveron dereito ao voto, e que si votaron, pola contra, clubes con menos de 5 licenzas. Tamén lembrou que os catro clubes que non puideron votar (Poio, Breogán, Catoira e Tui) apoiaban a súa candidatura, e neles, ademais, están os mellores piragüistas do estado, e teñen un cadro conformado polo 60% de palistas galegos.