Concentracións en denuncia diante da sede da ONU en Kabul e protestas de ducias de colectivos en defensa dos dereitos humanos.
Portada do 'The Independent' deste venres
Logo da caída do réxime talibán e co país controlado por tropas internacionais, Afganistán ofrece exemplo das febles condicións democráticas nas que vive a poboación.
Pervez Kambaksh, estudante de 23 anos, foi condenado a pasada semana nun tribunal por descargar da rede e presuntamente difundir entre varias persoas un artigo que a xustiza afgá considerou que "insulta o Islam".
O xuízo realizouse a porta pechada, e a propia ONU advertiu de que o mozo non contara con asistencia legal durante o proceso. Así e todo, trasladada a sentenza a morte ao Senado, a cámara apoiou a decisión, coa sinatura do propio Sibghatullah Mojaddedi, importante aliado do presidente Karzai. De feito, a Karzai correspóndelle agora a responsabilidade de asinar ou non a sentenza.
Vincent Brossel, delegado en Asia da organización Reporteiros Sen Fronteiras, explicou para a BBC que "hai moi poucas probas contra Kambaksh". "Cando les o artigo ves que non hai nada contra o Islam, senón que é simplemente unha análise do que di o Corán sobre o papel das mulleres". Brossel tamén considera que Kambaksh, estudante de xornalismo, é un obxectivo menor para os cregos afgáns, que terían coma obxectivo real a seu irmán maior Ibrahimi, un xornalista de investigación do norte do país que recibiu xa varias ameazas por afondar en violacións dos dereitos humanos.