A consellaría achegará seis millóns de euros para salvagardar restos arqueolóxicos romanos en Vigo e Lugo e para rematar o Centro de Interpretación da Cultura Castrexa.
O investimento máis importante dos decididos hoxe corresponde ás obras do Centro de Interpretación de San Cibrao de Lás (concello de San Amaro, en Ourense), ao que se destinarán tres millóns e medio de euros, e que estará finalizado en 2009.
Trátase do castro de maiores dimensións de Galiza, e quérese que se converta nun referente do patrimonio cultural galego. O centro de interpretación, que albergará exposicións e medios para afondar na investigación, terá unha superficie construída de case 3.000 metros cadrados e contará cunha gran exposición estable sobre o xacemento de San Cibrao de Lás e a cultura castrexa e outra sala máis para albergar mostras temporais. Este parque forma parte da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico, un ambicioso programa para poñer en valor o patrimonio cultural de natureza arqueolóxica impulsando, simultaneamente, a súa conservación e a súa promoción social e económica.
Restos romanos en Vigo e Lugo
Por outra banda, a Consellaría de Cultura xa comezou a traballar na execución museográfica dos restos arqueolóxicos que se encontran no soto do centro de saúde da rúa Rosalía de Castro de Vigo. Trátase dunhas saíñas romanas datadas entre os séculos I e III d.C. dun gran valor arqueolóxico e histórico. Este xoves aprobouse un investimento de case medio millón de euros (480.000). A parcela que actualmente ocupa o centro de saúde concentra unha abondosa cantidade de restos arqueolóxicos do romano. Forman parte do xacemento arqueolóxico das rúas Areal e Pontevedra, coñecido fundamentalmente pola aparición a mediados do século XX de 29 estelas funerarias e unha ara romana.
Finalmente, hoxe aprobouse un investimento de 670.000 euros no patrimonio arqueolóxico da cidade de lugo, que servirá na súa meirande parte para elaborar o proxecto musegráfico dos restos arqueolóxicos aparecidos na Vicerreitoría e para a execución da proposta de musealización no mesmo lugar.