Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Convite aos partidos en forma de decálogo

Propostas "políticas" para unha visión do mundo que non esqueza o respecto ao medio

Amnistía Internacional, Greenpeace e Intermón Oxfam destacan un conxunto de propostas para as que piden a atención nas axendas electorais das formacións políticas.

Redacción - 12:45 31/01/2008

Cara á cita coas urnas o vindeiro 9 de marzo, os tres colectivos, Amnistía Internacional, Greenpeace e Intermón Oxfam, unen a súa voz a prol do compromiso político con varias causas que quedan esquecidas habitualmente entre as prioridades dos partidos. Así, instan os candidatos a que aproveiten para adicarlles tempo nos seus discursos e que á volta dos comicios, e sexa desde o goberno ou desde a oposición, se comprometan na súa defensa.

Velaquí o decálogo:

1. Reducir as emisións de CO2 para que en 2012 non superen en máis dun 15% o nivel de 1990, e cumprir así o Protocolo de Kioto. Igualmente, esixir nas negociacións internacionais un compromiso de redución de emisións dos países industrializados do 30% sobre os niveis de 1990 para o ano 2020.

2. Aprobar unha Lei de Enerxías Renovables que garanta que en 2020 a metade da demanda eléctrica é de orixe renovable, co obxectivo de poder alcanzar un escenario enerxético 100% renovable en 2050.

3. Esixir nas negociacións internacionais que os países industrializados asuman compromisos obrigatorios para financiar a adaptación dos países pobres ao cambio climático, e achegar ara este fin, ao final da lexislatura, 1.000 millóns de euros anuais adicionais
aos compromisos de Axuda Oficial ao Desenvolvemento.

4. Comprometerse cunha política exterior que apoie os mecanismo internacionais de dereitos humanos, que se absteña de calquera complicidade na "guerra contra o terror" e que inclúa nas relacións bilaterais accións claras de promoción e protección dos dereitos humanos, impulsando acordos concretos e mecanismos de avaliación periódicos sobre as melloras conseguidas.

5. Promover na UE unha política migratoria que garanta os dereitos dos inmigrantes, respecte o acceso ao dereito de asilo e reflicta un compromiso serio coa migración legal. A mesma deberá abordar desde unha perspectiva de dereitos políticos, económicos e sociais as causas polas que as persoas abandonan os seus países.

6. Asinar e ratificar a Convención Internacional de Nacións Unidas sobre a Protección de todos os Traballadores Migratorios e as súas familias, e en todo caso, asegurar información adecuada sobre os seus dereitos ás persoas estranxeiras que intentan chegar a territorio español, garantindo en todo o proceso asistencia letrada, de intérprete efectiva e a identificación de quen requiran protección internacional.

7. Elaborar e pór en marcha un Plan Estatal contra o Racismo e a Xenofobia que inclúa medidas para loitar contra o racismo en todos os ámbitos da sociedade (traballo, sanidade, educación, xustiza, etc.) e para facer fronte aos casos de tortura de índole racista.

8. Establecer un compromiso firme coa protección de civís en conflitos armados. Para iso, entre outros, deberá impulsar activamente un Tratado Internacional de Comercio de Armas que prohiba as transferencias de armamento e munición a destinos onde poidan utilizarse para cometer graves violacións de dereitos humanos, e realizar unha aplicación rigorosa da nova Lei de Comercio de Armas española.

9. Crear un Ministerio de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento que asuma o liderado e coordinación de todas as intervencións en materia de cooperación, garanta a autonomía da Axuda Oficial ao Desenvolvemento e interactúe co resto de ministerios para asegurar unha actuación coherente do goberno español na loita contra a pobreza.

10. Elaborar unha Lei de Acceso á Información Pública, na que se garanta o dereito de libre acceso por parte de todos os cidadáns a toda a información dos poderes do Estado, as entidades públicas e aquelas entidades privadas que realicen funcións públicas ou reciban diñeiro público.


1,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: