"Adícolle este monumento a Cuba pola súa loita", expuxo o escultor brasileiro Oscar Niemeyer nun escrito lido no acto.
Unha escultura do arquitecto brasileiro Oscar Niemeyer que simboliza a loita dos cubanos contra o imperialismo estadounidense preside dende este martes unha das prazas da Universidade de Ciencias Informáticas de La Habana, onde está previsto se instale un novo teatro.
"Adícolle este monumento a Cuba na súa loita contra o monstro imperialista", expuxo Niemeyer -que non estivo no acto pola súa fobia a volar- nunha mensaxe enviada para a inauguración lida durante o acto da véspera. A escultura representa a un cubano que ondea unha bandeira fronte a un monstro, EUA, coa boca aberta.
"Niemeyer é un home que nunca traizoou as súas conviccións de loitar por un mundo sen opresión", salientou Frei Betto, frade dominico, intelectual brasileiro e un dos invitados especiais á inauguración.
O reitor do centro de estudos, Melchor Gil, precisou que o conxunto escultórico "é símbolo das loitas cubanas contra a hostilidade de Washington cara a La Habana, por manter a súa independencia e soberanía".