Vieiros

Vieiros de meu Perfil


FSM

Xestionado por Vieiros
RSS de FSM
Manuel Dios, Seminario Galego pola Paz

O armamentismo avanza, a inseguridade tamén

Este 30 de Xaneiro, un ano máis, os colexios e institutos de Galicia, na súa gran maioría, celebrarán, con actos diversos, o Día Escolar pola Paz. Unha data proclamada pola ONU e pola UNESCO e que internacionalmente se celebra cada 21 de Setembro. Un artigo de Manuel Dios.

Manuel Dios - 10:00 30/01/2008

En España, en Galicia, desde 1964, por iniciativa dun educador, poeta e pacifista mallorquino, Llorenç Vidal, a data elixida coincide co aniversario da morte de Gandhi, un 30 de Xaneiro de 1948, o mesmo ano en que se aprobaba a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, sen dúbida, o documento máis importante do século XX.

Pasaron 60 anos e as razóns polas que o sistema de institucións internacionais animou a celebrar un día en todas as escolas do mundo, pola paz e a non violencia, seguen plenamente vixentes. Cada ano, desde 1985, o Seminario Galego de Educación para a Paz, promove, entre outras moitas iniciativas, a celebración deste día nos centros escolares. Moitas cousas cambiaron desde aqueles anos nos que a penas un puñado de colexios, uns aquí e outros alá, decidían seguir o chamamento, para reflexionar e actuar, a favor dos valores cívicos e democráticos, ao redor dun centro de interese sobre o que traballar nas aulas e colectivamente, tamén como un xeito de ir incorporando a Educación para a Paz ao currículo, ás programacións, ao Plan de Centro e ao Proxecto Educativo.

Hoxe, grazas ao esforzo de distintas organizacións da sociedade civil, o Día Escolar pola Paz está consolidado. Son moitas as iniciativas, algunhas especialmente brillantes, que durante estes días, enchen paneis e paredes, corredores e recreos, aulas e bibliotecas, corazóns e conciencias, de miles de nenos e nenas por toda Galicia . Desde fai días, están os materiais didácticos na rede. E os colexios preparando as súas propostas. Nesta ocasión, o centro de interese que suxerimos, como outros moitos posibles, é o da obsesión armamentista. Un asunto que nos preocupa e que está alcanzando niveis propios da Guerra Fría. Foi precisamente cando Ronald Reagan pretendía despregar os euromisis en Europa, a mediados dos anos 80, cando o movemento pacifista, fíxose máis visible e influínte nas sociedades occidentais, dando orixe a un gran número de organizacións en todo o mundo, que empezaron a popularizar a Educación para a Paz. Hoxe, estamos asistindo, de novo, a un proxecto belicista similar, o chamado escudo antimísis, que a actual administración norteamericana pretende construír en Europa.

Lonxe de facernos máis seguros e máis eficaces na loita contra do terrorismo internacional, está animando así a Rusia a retomar a competitividade máxima na carreira de armamentos. Pero non só afecta esta tolemia aos estados membros do Consello de Seguridade de Nacións Unidas, que paradoxo, porque eles son os máis importantes exportadores de armas, os mercadores da morte, senón tamén a Oriente Medio (Israel, Irán, Emiratos Árabes...), botando máis leña a unha zona especialmente quente, a América Latina (Venezuela), ao Oriente máis afastado (India, Paquistán)... e seguen existindo máis de 10.000 cabezas nucleares e miles de toneladas de armamento químico e bacteriológico, bombas de acio, minas antipersona..., para alimentar decenas de conflitos bélicos esquecidos en todo o planeta, máis de 30, na actualidade. E o Estado español gastando en armamento nada menos que 51,85 millóns de euros correntes por día neste ano 2008 !!!

Por iso parécenos moi oportuno reflexionar, nos colexios e nos institutos, na sociedade, mais tamén actuar para frear esta auténtica obsesión patolóxica, como afirma o noso compañeiro Calo Iglesias, para evitar o vergoñoso malgasto que altera as prioridades da axenda internacional, que impide que cumpramos os nosos compromisos e as nosas promesas, os Obxectivos do Milenio, eliminar a pobreza extrema e o fame, dar educación e auga potable a toda a humanidade, superar as enfermidades endémicas, o analfabetismo e a exclusión, potenciar o diálogo intercultural e resolver pacíficamente os conflitos, en definitiva, construír Cultura de Paz. Como moi ben di Federico Maior Zaragoza , é tempo de acción, sobran xa as declaracións e a retórica, é o momento de recuperar o protagonismo, de deixar de ser espectadores, de abandonar a acomodación e o silencio, para que o XXI sexa, efectivamente, o século da xente.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: