O borrador ten un apartado sobre os dereitos lingüísticos dos consumidores, no que se contempla que os carteis informativos e a sinalización dos estebelecementos deberán estar na nosa lingua.
No seu capítulo III, baixo o epígrafe Da actividade comercial, o anteproxecto da Lei de Ordenación do Comercio Interior (elaborada pola Consellaría de Innovación e Industria), que se aprobará neste primeiro trimestre do ano, fala dos dereitos lingüísticos dos consumidores.
No texto garántese, en primeiro lugar, o respecto aos dereitos lingüísticos dos consumidores, que deberán ser atendidos correctamente sen ser discriminados pola lingua "oficial" que empreguen. De ser preciso, a nova lei recolle que o Goberno vai amparar aos consumidores e garantir o exercicio libre destes dereitos.
Por outro lado tamén se garante que a sinalización, os carteis informativos e os documentos de oferta de servizos deben estar, polo menos, en galego. Esta norma aplicarase en todos os estabelecementos comerciais, agás nos nomes comerciais ou nos rótulos amparados pola lexislación da propiedade industrial.