Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
XERAIS08

O PPdeG pecha filas arredor de Rajoy cunha lista 'cociñada' ao gusto de Madrid

A candidatura do presidente do PP coruñés, Juan Juncal, ao Senado abre a porta ao seu relevo na estrutura conservadora.

R.V. - 18:31 28/01/2008

O PPdeG deu a coñecer este luns as súas listas ao Congreso e ao Senado. O noutrora coñecido como “sector do birrete” copa as candidaturas nas catro provincias. A maioría dos elixíbeis son xente da máxima confianza do propio Mariano Rajoy.

Na Coruña, o cabeza de lista, Antonio Erias, estará acompañado por Xerardo Conde Roa (número dous); Arsenio Fernández de Mesa (tres); e Belén do Campo (catro). Todos eles homes e mulleres da  corda do que fora barón do PP coruñés, o ex conselleiro e ministro Romay Beccaria. Porén, chama a atención o feito de que o actual presidente provincial Juan Juncal encabece a lista ao Senado, logo de intentar sen éxito liderar a lista ao Congreso. A decisión de enviar a Juncal á Cámara baixa española é interpretada por moitos como “unha saída” que lle está a buscar o partido para sacalo da dirección provincial, onde está a ter unha forte contestación, tanto da militancia como dos alcaldes.

En Pontevedra, ademais de Ana Pastor, estarán nos primeiros postos o vigués Javier Jorge Guerra, un home que conta cos parabéns das diferentes sensibilidades; e a filla do ex alcalde de Ponteareas, María Nava Castro, como compensación polo seu paso ao PP. O número catro é para María Ramallo (Marín), unha muller moi próxima a Núñez Feijoo. A lista ao Senado encabézaa a ex alcaldesa de Vigo, Corina Porro, que está acompañada dunha persoa estreitamente relacionada coa ex ministra Ana Pastor, a pontevedresa Dolores Pan.

Adeus a Cacharro

En Lugo, a noutrora longa man de Cacharro Pardo queda definitivamente amputada, logo de que o PP xa anunciase hai días que un dos seu maiores inimigos internos, Joaquín García Diez, encabezaría a lista. O posto número dous é para a alcaldesa de Sober, Raquel Arias; e o terceiro para Olga Iglesias (Triacastela). Xosé Manuel Barreiro tamén colle o camiño do Senado, como compensación logo da progresiva perda de poder no PPdeG.

En Ourense, canda Celso Delgado (home moi fiel a Rajoy), estarán o decano de Empresariais, Jesús Vázquez e Ana Belén Vázquez (Bande). Carmen Leyte, alcaldesa de Cartelle, encabeza a lista ao Senado.


2,75/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Conde Roa, número dous pola Coruña, e Ana Pastor, cabeza por Pontevedra, son da máxima confianza en Xénova
Conde Roa, número dous pola Coruña, e Ana Pastor, cabeza por Pontevedra, son da máxima confianza en Xénova
A candidatura de Juan Juncal (á dereita na imaxe) ao Senado vese como un primeiro paso para a súa destitución como presidente do PP coruñés
A candidatura de Juan Juncal (á dereita na imaxe) ao Senado vese como un primeiro paso para a súa destitución como presidente do PP coruñés