Internautas especulan se o aparello será o USA-193, que leva perdendo altura dende hai meses.
Imaxe do satélite USA193 / John Locker
Un satélite espía estadounidense perdeu potencia e acabará caendo entre finais de febreiro e comezos de marzo, segundo informaron fontes gobernamentais á axencia AP. Ao ser información clasificada, en principio descoñécese con exactitude onde vai caer. Por se fose pouco, o satélite pode conter materiais perigosos.
De todos os xeitos, sábese que o aparello pode medir 13 metros de longo e pesar 11 toneladas. En todo caso, algúns internautas afeccionados á observación de satélites cren que se trata do USA-193, tamén chamado L-21, un dispositivo experimental posto en órbita en decembro de 2006 e que comezou a funcionar mal ao pouco tempo.
Un destes observadores, John Locker, puxo na rede fotografías dese satélite, que está descendendo cada vez máis da súa órbita: 30 quilómetros entre setembro e decembro. Sexa ou non este o aparello que acabará chegando ao chan, o certo é que devolve á actualidade o problema que supón todo o lixo espacial sen control que orbita arredor da Terra.