O estudo publícase días despois da negativa de sesenta países do continente aos tratados de comercio con Europa.
O obxectivo do texto, editado por Setem e Icaria Editorial, é amosar as condicións de produción e vida no continente africano e o impacto que ten o Comercio Xusto no desenvolvemento económico dos países da África subsahariana. Así, analízase o funcionamento de dúas das redes africanas de produtos: a African Fairtrade Network (AFN) e Cooperation For Fair Trade in Africa (COFTA).
No informe afóndase nos produtos agroalimentarios de Comercio Xusto que predominan no Estado español: café, té, cacao, e en menor medida, outros produtos agrícolas, como algodón, froitos secos, plátanos e outras froitas frescas. "Todos contan coa certificación FLO e xa comezou a certificación doutros novos como a cervexa, os balóns de fútbol, as teas de algodón, as bebidas de té frío e leite, o viño e as flores", segundo o informe de Setem.
O informe inclúe tamén dúas entrevistas ao director de Exportación de Kagera Cooperative Union Ltd.(KCU) e membro da Xunta Directiva da African Fairtrade Network, John Kanjagaile, e á directora de COFTA (Cooperación polo Comercio Xusto en África), Joan Karanja, nas que relatan a situación real deste comercio.